A responsable de Medio Ambiente, Saúde, Maiores e Infancia, quen regresara á política en activo da man de Digna Rivas nos últimos comicios municipais, renuncia á súa acta de concelleira por motivos de saúde. Entrará no seu lugar o que xa fora concelleiro do departamento de Medio Ambiente no mandato anterior, Alberto Álvarez.
Martínez suliñou que “o meu compromiso coa cidadanía de Redondela sempre foi total, e nestes momentos por motivos de saúde non podo estar o 100% nas miñas responsabilidades, por iso decido dar un paso a un lado”. Médico pediatra de profesión, Pilar Martínez formaba parte do goberno local desde xuño de 2023. Entre os proxectos postos en marcha dende a súa chegada ao goberno destaca o Consello Municipal de Saúde e o programa de Atención Temperá para a poboación infantil de 0 a 6 anos. Tamén desde a área de Saúde comezou a desenvolver os paseos “eco saudables e cardiosaudables” en diferentes sendeiros do municipio así como o Programa Municipal de Voluntariado.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou o seu “máis profundo e sincero agradecemento” á quen ata agora foi responsable de Medio Ambiente, Saúde, Maiores e Infancia. A rexedora local salientou “a gran labor” realizada por Pilar Martínez e destacou dela “o seu compromiso coa sociedade redondelá, a súa paixón polo traballo e a súa vocación de servizo público”. Implicada sempre nas causas sociais e solidarias “a súa traxectoria na política redondelá é un exemplo para todos e todas”, engade Rivas.
En Medio Ambiente Martínez puxo en marcha a limpeza e conservación dos areais e súa contorna natural, e realizou actividades de educación ambiental cos escolares, con xornadas de limpeza nos ríos e nas praias. A súa renuncia suporá a entrada novamente no goberno de Alberto Álvarez, quen xa fora responsable de Medio Ambiente no anterior mandato.