Foto de arquivo da páxina web da Horta do Cadaval
O Sindicato Labrego Galego e COAG organizan un obradoiro de deseño e manexo de bosques comestibles arredor da produción e consumo sostible de alimentos saudables durante os días 25, 26 e 27 de outubro na Horta do Cadaval (Redondela) e que estará impartido polo experto David Botana.
David Botana, coordinador da iniciativa Terra Agarimosa, explica que “o obradoiro consiste en introducir distintas árbores para crear diversidade e facilitar o manexo e protección do cultivo dos ventos e das pragas nas hortas particulares”. A intención é aprender a colleitar de forma sostible e que o ecosistema que se vai creando poida retroalimentarse .
O primeiro día das tres xornadas de aprendizaxe será de teoría para entender o funcionamento deste tipo de hortas e como mellorar o noso entorno, para despois pasar a usar ferramentas de man como fouziños ou gadañas e aprender distintos tipos de podas. Botana sinala que “non é preciso levar material específico, pero si asistir con vestimenta adecuada como roupa cómoda, botas de goma, luvas ou un chuvasqueiro por se chove”.
“Unha das colleitas vai ser o disfrute”, recalca o experto quen engade a importancia de eliminar prexuízos sobre este tipo de labores demostrando que poden ser amenas.Un dos obxectivos é poder xerar abundancia para que os nosos espazos se perpetúen no tempo e se conserve a diversidade tamén da fauna e insectos.
A actividade está pensada para todas as idades e ten un límite de 25 prazas, polo que é preciso inscribirse con antelación no contacto 986 641 508 / 669 808 418 (WhatsApp) ou no enderezo electrónico condado@sindicatolabrego.gal.
A actividade conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).