Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Deputación aproba o convenio con Pazos de Borbén para investir un millón no treito Amoedo-Os Valos

ep2702

Os continuos desencontros entre o organismo provincial e o concello, tiñan bloqueada unha obra longamente demandada pola veciñanza e comprometida en varias ocasións polas administracións. A plataforma polo arranxo da EP-2702, malia aplaudir este investimento, lembra que este convenio suporá arranxar tan só un dos tramos da vía, polo que en principio continuarán coas mobilizacións.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar o “esperado” convenio co Concello de Pazos de Borbén para as obras na EP-2702 Amoedo-Os Valos, unha obra que ascende a preto dun millón de euros. “Facémolo en cuestión de poucos días, unha vez recibida a aprobación do convenio por parte do Concello, que tivo lugar a principios deste mes nun pleno extraordinario, desbloqueando unha situación que se mantiña parada desde o pasado mes de abril e que facía perigar este importante investimento”, explicou López.
En virtude deste convenio realizarase o arranxo do primeiro tramo da estrada provincial financiada ao 100% pola Deputación, se ben o Concello deberá encargarse das expropiacións, que ascenden a 40.000 €, como é habitual nestes casos. O obxectivo das obras pasa pola ampliación da sección da estrada, dotándoa de carrís máis amplos e beiravías, así como melloras puntuais do trazado. Ademais, o proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe, a execución da rede de augas pluviais e de abastecemento e tamén nova sinalización vertical e horizontal.
O presidente provincial fixo fincapé en que o paso que se dá agora demostra que “o convenio podía ser aprobado perfectamente polo Concello, que tardou máis de cinco meses en facer o que outros concellos fan en días e, finalmente, que a Deputación cumpre con Pazos, cumpre cos veciños e cumpre a súa palabra” e lamentou “que se perdera un tempo valiosísimo para todos, especialmente para os veciños que estaban demandando esta obra aos que lle explicamos todo o que estaba a acontecer”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará