A Casona da Torre acolle este venres un encontro de mulleres que contará coa presenza de 15 protagonistas quen compartirán a súa experiencia en diferentes ámbitos. Entre elas atopamos a patroa maior da Confraría de Redondela, Nisi Otero; en representación de Soutomaior participará Carman Álvarez quen relatará as súas experiencias como precursora da vida cultural e asociativa e Lucrecia María García, de Kiriko Aventura e Liliana Vázquez, do restaurante brasería ‘La Renovadora’ serán as representantes de Fornelos de Montes e Pazos de Borbén respectivamente.
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural conmemora un ano máis o Día Internacional das Mulleres Rurais, co seu Foro da Muller Rural Galega, unha iniciativa que chega á súa cuarta edición dando voz a todas as mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o territorio.
Con esta iniciativa búscase “recoñecer o traballo destas mulleres excepcionais que coas súas historias son un exemplo de esforzo, resiliencia e liderazgo. Estamos ante unha oportunidade única de visibilizar o seu labor, que seguro inspirará a futuras xeracións” explica a presidenta de EuRural, Sandra González.
A Casona da Torre de Redondela será o escenario no que hoxe se dan cita as 15 protagonistas deste ano, 15 mulleres que compartirán experiencias visibilizando a súa realidade liderando proxectos, emprendendo ou poñéndose ao fronte e abrindo camiño para as máis novas en sectores tradicionalmente máis masculinizados.
A cita arrancará ás 18.00 horas coa inauguración oficial e de seguido terán lugar as intervencións das 14 protagonistas deste ano e a proxección de pequenas pezas audiovisuais para coñecelas un pouco máis. Nesta edición, as mulleres que participarán son:
María del Carmen Martínez, do comercio María Rosa (A Guarda).
Loreto Valenzuela, de Academia Royal Celtic Bay (Baiona).
Purita Caeiro, de Ultramarinos Caeiro (Gondomar).
Lucrecia María García, de Kiriko Aventura (Fornelos de Montes).
Lara Pereira, da tenda de hípica Equipemos (Mos).
Puri, peixeira de Nigrán.
Cristina Cisne, do Albergue da Estrela en Oia.
Celia Diz, da Farmacia Peralba no Porriño.
Liliana Vázquez, do restaurante brasería ‘La Renovadora’ (Pazos de Borbén).
Nisi Otero, mariscadora de Redondela.
Silvia Diego, condutora de autobús do Rosal.
Carmen Álvarez, precursora da vida cultural e asociativa en Soutomaior.
María Gela, mestra no CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño.
Luz Ruibal, xerente da Eléctrica de Tui.
Tras este momento de encontro, procederase á lectura do manifesto da muller rural galega e celebrarase o acto de entrega de recoñecemento á muller homenaxeada nesta edición, que será veciña de Redondela.