Resultados diversos nas distintas ligas do fútbol local. Por un lado, en Preferente o Choco conseguía un empate contra o Verín; en Primeira o arcade perdía ante o Cuntis e o Soutomaior vencía ao Marín; Por último, en Segunda o Atlético de Villar caía derrotado en Tomiño ante o Tebra.
VERÍN C.F. – C.D. CHOCO (1-1)
O CD Choco empatou na súa visita ao Verín na sétima xornada da liga en Preferente. Un partido axustado, pasado por auga e no que non lograron superar aos anfitrións na segunda metade, pero si igualar o marcador gracias a un gol de Cristian no minuto 65’.
Os de Félix Rial tentaron sumar dous puntos e superar ao Verín na táboa, pero co empate quedaron igual que chegaron ao campo “Jose Arjiz”. Sitúanse de cuartos pola cola na táboa xeral acon sete puntos acumulados, un menos que o Verín.
A próxima xornada xogan na casa, reciben ao CD Moaña no Campo Municipal de Santa Mariña, equipo na metade da táboa.
Primeira Futgal, Grupo 5
C.D. ARCADE – AT. CUNTIS C.F. (2-3)
O Arcade baixa un posto na táboa xeral e sitúase de quinto, despois da derrota contra o Cuntis desta fin de semana.
O Campo do Salgueirón viviu un encontro emocionante no que o marcador estreouse no minuto 29’ a favor dos locais cun gol de Lucas Rodríguez, quen cinco minutos máis tarde aproveitou a oportunidade para marcar o segundo.
A segunda metade estivo dominada polos visitantes ata o final. Conseguiron igualar o resultado no minuto 60’ e, a pesar dos intentos do Arcade de defender o gardametas, o gol definitivo chegaría no minuto 84’.
Unha derrota amarga que sitúa aos de Arcade no quinto posto con doce puntos. A seguinte xornada visitan ao San Martín CF, equipo na parte baixa da clasificación.
MARÍN C.F. – C.D. SOUTOMAIOR (1-2)
Vitoria do Soutomaior na súa visita ao Marín. Os anfitrións dominaron a primeira metade e estrearon o marcador aos cinco minutos, sen embargo unha boa defensa dos de Raúl González fixo que aguantaran ata a segunda metade e recuperaran forzas para marcar o empate no minuto 43’ e selar unha merecida vitoria no minuto 82’.
Gracias a esta vitoria suben un escalafón e sitúanse de novenos na clasificación. A próxima xornada teñen outra boa oportunidade ao xogar na casa contra o Caldas CF, equipo situado de terceiro pola cola.
Goleadores: Jose Carlos de la Torre (43’) e Lucas Franco (82’).
Segunda Futgal, Vigo
TEBRA F.C.- C.D. ATLÉTICO VILLAR (4-2)
O Atlético de Villar caeu derrotado en Tomiño ante o Tebra, a pesar de comezar dominando o partido. Na segunda metade os anfitrións demostraron a súa superioridade conseguindo marcar dous goles en 5 minutos e sentenciando o resultado cun cuarto gol no minuto 80’.
A próxima xornada reciben a un rival forte, o U.D. Ribera, situado de quinto na táboa xeral.
Goleadores: Miguel (11’), Óscar (48’).