O Multiúsos da Xunqueira acolle o sábado 26 de outubro ás 20:00 horas o espectáculo Verso a Verso interpretado por Charo López. Unha cita cargada de música e poesía con entrada de balde previa retirda da invitación no propio multiúsos. A veterana actriz comparte escenario neste espectáculo co barítono Luis Santana e o pianista Víctor Carbajo. Organiza o Concello de Redondela.
O recital fai un percorrido polos grandes autores da literatura española desde o século XVI até hoxe, con poemas de Lorca, Machado, Miguel Hernández, Santa Teresa de Jesús e outros.
Luís Santana estudou con grandes mestres da lírica e está especializado no repertorio vocal, desenvolvendo unha incesante actividade concertística. O pianista Víctor Carbajo, músico e compositor, acompaña habitualmente a figuras moi coñecidas da lírica española e a canción.
Pola súa banda a actriz Charo López, nacida en Salamanca, é dabondo coñecida pola súa longa traxectoria tanto no teatro como no cinema e a televisión. O recoñecemento ao seu gran traballo chégalle en 1980 con Fortunata e Jacinta e Os gozos e as sombras, dúas series de gran éxito na Televisión Española.
Posteriormente, encadea traballos relevantes en cinema con algúns dos mellores directores do país, e consegue o Goya á mellor actriz de repartición polo seu papel en Segredos de corazón, película de Montxo Armendáriz que foi candidata ao Óscar. A pesar do seu percorrido polas pantallas de cinema e televisión, ela considérase, sobre todo, unha actriz de teatro que leva o escenario dentro.