Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello xustifica a suba do recibo do lixo para compensar o incremento do canon de Sogama

lixo 2

O pleno municipal aprobará previsiblemente este xoves un incremento dun 40% no recibo que pagan os veciños polo servizo de recollida do lixo. Un incremento que o goberno local xustifica ante “a suba nun 60% do canon que os Concellos pagan a Sogama, que pasa de 88 euros a 108”. Esta decisión da empresa pública, que depende da Xunta de Galicia, obriga a actualizar a taxa de residuos para compensar o custo do servizo “que se incrementará en case 300.000 euros ao ano”.

A empresa pública que xestiona os residuos pasou dun canon de 66 euros por tonelada a 88 euros en 2024, e o prezo aumentará ata os 108 euros en 2025. Isto vai supoñer un incremento no gasto de 295.624 euros ao ano, segundo os cálculos dos servizos técnicos do Concello.

A alcaldesa, Digna Rivas, expresou o seu descontento ante esta decisión, sinalando que “a subida é inxusta debido ao seu carácter retroactivo e unilateral”, ao tempo que lamenta que os municipios estean obrigados a afrontar os custos dun modelo de xestión de residuos que elixiu a Xunta “e que é claramente antiecolóxico”.

Co obxectivo de cubrir estes novos gastos, o Concello levará ao pleno de mañá 24 de outubro unha proposta de modificación da ordenanza da taxa de residuos que suporá un incremento importante no que pagan os veciños anualmente. Rivas subliña que a medida está deseñada para cubrir parte dos case 300.000 euros do incremento establecido pola Xunta e lembra que a actual taxa “xa era deficitaria antes deste incremento, debido a que se mantén conxelada desde 2001”. O Concello de Redondela leva 23 anos sen subir o recibo do lixo, polo que os domicilios urbanos pagan 5,9 euros ao mes polo servizo, e no rural onde a recollida no é diaria pagan 2,9 euros ao mes.

A alcaldesa advirte ademais que actualizar a taxa da recollida do lixo é “unha obriga legal”. A partir de 2025 todos os Concellos de España estarán obrigados por lei a incrementar a taxa do lixo, unha medida que busca penalizar aos cidadáns que xeren máis residuos. Esta obriga xorde dunha directiva europea que esixe aos Estados membros que promovan unha reciclaxe máis eficiente e reduzan o impacto ambiental dos residuos sólidos urbanos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará