O grupo municipal do PP vén de anunciar a presentación de alegacións contra as novas taxas fiscais recollidas na ordenanza reguladora do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo, aprobadas no pleno por PSOE, BNG e AER, xa que considera inxusta, esaxerada e fóra da realidade a “suba brutal” nunha media do 150% “coa que o goberno local pretende endosar aos petos dos veciños o pago dos pufos derivados da nefasta xestión económica do executivo de Digna Rivas”.
O voceiro popular, Javier Bas, como xa fixo no pleno no que se debateu este asunto, acusa ao goberno de “mentir” cando xustifica que a suba deste servizo responde á necesidade de facer fronte ao novo canon de Sogama “xa que o novo padrón fiscal para o ano 2025 medrará en 1,5 millóns de euros –pasando de 1 a 2,5 millóns de euros– cando o incremento do canon de Sogama só suporá para as arcas municipais un incremento de 176.000”.
Isto evidencia segundo o edil “que a maior parte destes fondos destinaranse a pagar as fortes débedas dun Concello cuxos pagos están intervidos polo Estado e que debe formalizar un préstamo de preto de 800.000 euros para saldar facturas pendentes de pago con provedores, que no que vai de ano chegaron a ser de mais de 4 millóns de euros.
Finalmente, Javier Bas lamentou que haxa un forte incremento para as vivendas, xa que pasan a pagar un 40% máis ao ano por este servizo, pero advertiu de que o ascenso fiscal é especialmente gravoso e prexudica sobre todo a comercios, negocios e empresas, cunhas tarifas que poden sobrepasan con moito os 2.000 euros anuais e que, nalgún caso, roldarán os 7.000 euros, polo que sostén que “esta situación pode supoñer un grave retroceso na actividade socioeconómica e no emprego do municipio, chegando a poñer en risco a viabilidade dalgúns negocios”.
Neste senso, o voceiro lamentou que se empreguen “criterios irracionais” centrados no cobro segundo a superficie e non pola produción de lixo de carácter orgánico e tamén o ascenso da taxa por riba do 300% para autónomos e profesións liberais, que case non producen este tipo de residuos e que saen moi prexudicados con este sistema de cálculo e coas novas tarifas.