Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela reducirá nun 50% a factura eléctrica nos pavillóns tras renovar o sistema de iluminación

pavillóns

Estímase que a renovación das lámpadas nas instalacións deportivas suporá un aforro de 15.000 euros ao ano na factura eléctrica. Este plan de eficiencia enerxética supón tamén unha importante redución da contaminación,  xa que rebaixa a emisión a atmosfera de 11,5 toneladas de CO2 anualmente. Na iluminación pública trabállase na renovación de todo o alumeado coa substitución ata o de agora de 1.700 farois.

O cambio de lámpadas convencionais por tecnoloxía led realizado nos cinco pavillóns municipais: o de Redondela (Bomboneira), a Marisma, Manuel González Soto de Chapela, Reboreda e Porto Cabeiro suporá un importante aforro enerxético que o edil de deportes, Iván Valles, estima nun 40%. A rebaixa na factura eléctrica será máis, en torno a un 50%, xa que ademais de reducirse o consumo de enerxía tamén se baixa a potencia contratada”.

Este plan para a mellora da eficiencia enerxética nos pavillóns fíxose gradualmente nos últimos dous anos. No caso do pavillón municipal da Bomboneira o aforro total no ano 2023 foi de case tres mil euros. No González Soto de Chapela o cambio da tecnoloxía led fíxose en febreiro deste ano e o aforro total en tan só seis meses foi de 2.185 euros. O servizo municipal de electricistas estima que, no conxunto dos cinco pavillóns, o Concello aforrará unha media de 15.000 euros ao ano na factura.

Pola súa banda o edil de infraestruturas Roberto Villar engade que “ademais do aforro económico, este plan de eficiencia enerxética supón tamén unha importante redución do nivel de contaminación”. Co cambio de lámpadas convencionais a led deixanse de emitir á atmosfera uns 2.300 quilos de CO2 ao ano en cada un dos pavillóns, en total 11,5 toneladas menos de CO2, o que tamén é fundamental para un desenvolvemento máis sostible”.

Renovación da iluminación pública

O Concello de Redondela traballa tamén na modernización da iluminación pública. Ata o de agora substituíronse 1.700 farois en camiños de todas as parroquias e o obxectivo é continuar paulatinamente coa renovación de todas as instalacións do alumeado público”, explica Villar.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará