Foto: María Filgueira
Un total de 90 rapaces e rapazas do instituto de Redondela participaron este luns nunha actividade de carácter medioambiental enmarcada dentro da XIII limpeza simultánea de praias organizada polo Colectivo ecoloxista Adega e que contou coa colaboración do Concello. Durante a mañá recolleron máis de 80 kilos de lixo, principalmente plásticos e produtos de hixiene, nunha limpeza a man que busca eliminar os residuos que están nas praia e chamar a atención da sociedade sobre a súa contaminación.
A Limpeza simultánea de praia tivo lugar durante esta fin de semana en 29 concellos de toda Galicia. No caso de Redondela sumáronse a esta proposta nenos e nenas do instituto que este luns peitearon o areal co obxectivos de eliminar boa parte dos residuos que acaban na zona e chamar a atención sobre a súa contaminación.
90 alumnos de 3º e 4º da ESO xunto co seu profesorado percorreron a praia da Punta para retirar o lixo. Entre os residuos que atoparon había moitos envases de plástico de todos os tamaños: vasos, tapóns,botellas así como material de pesca, vidro, toalliñas e outros produtos de hixiene como compresas e aplicadores de tampóns, e ata uha lámpada de gran tamaño.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, e o de Ensino, Iván Valles, acompañaron nesta xornada aos rapaces e rapazas explicándolles a orixe de moitos destes residuos “que acaban nas praias porque alguén non fixo unha xestión correcta dese obxecto”.
Nalgúns casos os restos proceden da actividade pesqueira, restos de aparellos ou elementos que se desprenden das bateas, pero en moitas outras ocasión son residuos domésticos que acaban nos ríos e no mar “porque en lugar de botalos no colector do lixo, a xente tíraos polo inodoro”. O edil advertiu tamén que o lixo que botamos no chan pode acabar no mar “ao caer polos sumidoiros de augas pluviais, ou ben porque vai parar aos ríos”. Despois son as correntes mariñas as que se encarga de arrastrar todo ese lixo ata as praias.
Desde o Concello aplauden tamén que a xornada de educación ambiental fora totalmente sostible, xa que todo o grupo se desprazou desde o IES Mendiño ata a praia a pé.