Un total de 40 alumnos, principalmente das parroquias de Cesantes, Reboreda, Cabeiro e Vilar, desprázanse cada día ao seu centro educativo en taxi. Unha iniciativa que arrancou este curso e que busca resolver o problema de desprazamento daqueles alumnos de bacharelato que carecen de praza no transporte escolar. O edil de ensino valora moi positivamente o funcionamento deste servizo pero recoñece que dende o seu departamento trabállase noutras alternativas que solucionen as carencias deste alumnado de ensino non obrigatorio.
Os taxis fan o traslado do alumnado aos institutos desde as mesmas paradas do transporte escolar. Fan o traxecto de ida e volta ofrecendo un servizo pioneiro na provincia do que se benefician uns 40 alumnos e alumnas dos IES Pedro Floriani e Mendiño.
Malia supoñer un custe económico ao concello que ten que asumir un servizo que é competencia da Consellería de Educación, o edil de ensino Iván Valles entende que é “un parche necesario e provisional para dar resposta a unha problemática concreta”.
Por ese motivo traballan xa nunha solución definitiva como poida ser a mellora no servizo de transporte escolar por parte da Consellería así como regular doutro xeito tanto o transporte escolar como integrado para que se atendan as necesidades reais do noso concello.
Valles entende que unha das solucións sería avanzar no transporte integrado que consiste na posibilidade da prestación conxunta de servizos de transporte (regular e escolar), posibilitando que no mesmo autobús viaxen escolares e veciños que realizan o mesmo itinerario. Neste sentido apunta o edil que incluír nese transporte regular unha parada na zona de Seragua beneficiaría ao alumnado dos institutos pero tamén a todos esas persoas que se dirixen ao Centro de Saúde, a Piscina municipal ou a Policía, entre outros servizos.
O concelleiro agradece o apoio e colaboración que ten recibido da Federación de Anpas na búsqueda de solucións a este problema.