Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela identifica preto de 50 conexións fraudulentas á rede de saneamento e de auga

Roberto Villar

En total hai contabilizadas 19 vivendas conectadas á rede de sumidoiros municipais sen terse dado de alta e, polo tanto, sen pagar a taxa correspondente. Tamén 25 domicilios con conexións clandestinas para servirse da rede de subministro de auga sen pasar polo contador. O edil Roberto Villar confirma ademais que un cento de vivendas de Soutoxuste seguen empregando fosas sépticas malia exsitir na zona rede de saneamento dende hai máis de 15 anos.

Técnicos de Aqualia, empresa concesionaria do abastecemento de auga e saneamento en Redondela, está a realizar inspeccións periódicas en diferentes puntos da rede. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, advirte que nas inspeccións realizadas pola empresa na zona de Soutoxuste, no Viso, detectáronse un cento de vivendas que non están conectadas á rede de saneamento. O edil explica que, malia que nesa zona hai máis de 15 anos que se instalou a canalización, estas residencias seguen a utilizar fosas sépticas. A inspección contabilizou tamén 19 vivendas conectadas á rede de sumidoiros municipal sen terse dado de alta e, polo tanto, sen pagar a taxa correspondente.

Villar lembra que hai máis dun ano o Concello de Redondela rebaixou un 70% a taxa de conexión ao saneamento. A tarifa reduciuse de 1.200 a 360 euros “para facilitar a alta das vivendas unifamiliares”. O concelleiro lamenta que, malia este importante desconto “moitas vivendas seguen sen conectarse á rede de saneamento, o que supón un grave prexuízo para o medio ambiente”. Desde o Concello de Redondela xa se enviou un escrito a estes domicilios “para que regularicen a súa situación, e nas vivendas onde a realización do enganche sexa máis complexo estudarase cada caso concreto”.

Estas inspeccións por parte de técnicos de Aqualia continuarán facéndose por todas as parroquias para detectar posibles irregularidades. A próxima será na parroquia de Cabeiro.

En canto ao abastecemento de auga as inspeccións realizadas pola empresa Aqualia detectaron no municipio 25 domicilios con conexións fraudulentas. Trátase de casas que instalaron derivacións clandestinas para servirse da rede de subministro de auga sen pasar polo contador. Roberto Villar sinala que se trata sobre todo de vivendas que utilizan a auga para encher piscinas ou para regar “sen que ese consumo se contabilice”.

Estes incumprimentos, tanto nas conexións á rede de saneamento como nos fraudes no abastecemento, supoñen a apertura de expedientes sancionadores.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará