Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os socialistas reclaman á Xunta 27 millóns de euros para soterrar a depuradora da Marisma

depuradora

O PSOE de Redondela lamenta que o goberno galego esqueza nos seus orzamentos obras longamente demandadas como a construción dun dique flotante no Porto de Cesantes, a escola infantil de  Chapela ou a construción dun comedor escolar na EEI A Marisma e outro no CEP Santa Mariña. Cualifican as contas da Xunta para o ano 2025 como “decepcionantes e totalmente insuficientes para o cuarto Concello da provincia de Pontevedra” e reclaman investimento por valor de 47 millóns de euros.

Entre as emendas que o partido presenta ás contas do goberno galego están “importantes infraestruturas demandadas desde hai anos e compromisos da propia Xunta de Galicia incumpridos” como o “Plan para a remodelación integral do Porto de Cesantes”, prometido por Portos de Galicia no ano 2011 e que inclúe, entre outras actuacións, a demolición do dique actual e a construción dun dique flotante, departamentos para usuarios, un edificio de servizos náutico recreativos e a urbanización da contorna cuxo orzamentos aproximado suporía 8 millóns de euros.

A nivel medioambiental, as demandas dos socialistas pasan polo soterramento da depuradora municipal situada na Marisma “para a mellora da contorna así como para evitar os vertidos e malos cheiros nesta zona do casco urbano”. Esta actuación está valorada en 27 millóns de euros. Esixen tamén a reparación e creación de novas redes de pluviais no municipio para a separación de augas limpas e augas sucias para que a actual depuradora “non teña que soportar as augas procedentes das escorrentías que provocan desbordamentos”. Outra das demandas a Augas de Galicia é a limpeza e mellora das canles dos ríos Maceiras, Pexegueiro, Alvedosa, Pugariño e Fondón. “O mal estado destas canles fluviais fai que se corra risco de desbordamentos que mesmo poderían afectar a vivendas”, advirte a secretaria xeral do PSdG de Redondela, Digna Rivas. Esixen de Augas de Galicia a limpeza e mellora das canles dos ríos Maceiras, Pexegueiro, Alvedosa, Pugariño e Fondón, actuacións que precisaría dun investimento de 750.000 euros. Ao organismo de Costas de Galicia solicitan a recuperación da Enseada de San Simón e a retirada da escollera do río Alvedosa para a recuperación dos recursos mariños da zona, cun orzamento duns 4 millóns de euros.

En materia de Infraestruturas e Mobilidade o PSdeG solicita que se inclúa nos orzamentos unha partida de 500.000 euros para a mellora da seguridade e mobilidade na estrada de Reboreda. Demandan a construción de lombos de burra na PO-250 na converxencia coa estrada provincial ata entrada da vila pola rúa Xoan Manuel Pereira, e mellora de beirarrúas, así como ampliación da vía e a eliminación da curva do punto quilométrico 0,250. En Chapela solicitan a construción da segunda fase da avenida de Vigo, desde o Alto da Encarnación ata enlazar coa recente reforma da plataforma de rodaxe e beirarrúas, obra cun orzamento de 1.000.000 euros.

Outra demanda histórica que segue sen ter resposta por parte da Xunta de Galicia é a escola infantil de Chapela par a cal solicita unha partida de 1,5 millóns así como 300.000 euros para a construción dun comedor escolar na EEI A Marisma e outro no CEP Santa Mariña.

En canto aos departamentos de Cultura, Turismo e Patrimonio, os socialistas de Redondela instan á Xunta a incluír nos seus orzamentos unha partida de 3 millóns para a recuperación do Castelo de Rande e a súa contorna, e outra de 1,5 millóns para a construción dun auditorio. Explica Rivas que na actualidade “a capacidade dos dous multiúsos municipais para actos culturais non é suficiente para acoller recoñecidas actividades que se celebran como o Festival Internacional de Títeres, concertos de música ou ciclos de teatro”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará