A praza amosa estes días a súa cara máis solidaria con centos de kilos de doazóns recollidos en tan só tres días. O punto de recollida posto en marcha pola Asociación de praceiros encheuse de produtos de primeira necesidade. Malia que había incógnitas sobre a cuestión loxística de cómo facer chegar toda esta axuda aos afectados da DINA, o problema está xa resolto: o cargamento partirá este sábado cara as localidades de Buñol e Chiva. Por outra banda, un vehículo de Protección Civil e dous furgóns cedidos por Autos González e Autos Brea partirá tamén mañá dende Redondela con máis de dous mil kilos de material.
A tarde de onte foi intensa na Praza de Abastos para clasificar e etiquetar todo o material achegado nos últimos tres días a ese punto de recollida. Un cargamento que inclúe alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e de limpeza, auga, leite, roupa e cueiros e que hoxe teñen previsto completar coa adquisición de material escolar. Produtos necesarios para atender as necesidades máis inmediatas das persoas afectas polas inundacións no Levante e que foron doados pola veciñanza que acudiu masivamente ao chamamento dos praceiros e praceiras.
Malia que eran conscientes das dificultades de trasladar todo este material aos directamente afectados a solución chegou da man dunha empresa de Mos “Montajes Os Valos” que na fin de semana van enviar un tráiler con 10 palets en dirección a Buñol e Chivas, localidades da “zona cero” da DINA que se viron arrasadas polas chuvias do pasado 29 de outubro.
Xulio Lorenzo amosa a súa satisfacción pola resposta cidadá “que se comprometeu coa iniciativa, facendo doazóns e tamén traballando no seu posterior etiquetado” e satisfacción tamén por ter resoltos o problema do traslado, imprescindible para que toda esta axuda chegue aos que a precisan.
Protección civil
Un grupo de voluntarios da Agrupación de Protección Civil de Redondela parten tamén este venres a Valencia para axudar en tarefas de limpeza, seguridade e apoio na zona afectada pola DANA sumándose así aos cinco Policías Locais que levan na localidade de Benetússer dende o pasado luns. Aproveitando a viaxe encargaranse de trasladar os produtos recollidos no Multiúsos da Xunqueira, máis de 2.000 quilos de axuda os que van trasladar a Valencia nun vehículo de Protección Civil e dous furgóns cedidos por Autos González e Autos Brea.
A alcaldesa Digna Rivas explica que o envío está a coordinarse cos policías de Redondela desprazados na zona “xa que a situación alí é de colapso e son os nosos axentes os que xestionaron a onde trasladar as doazóns” e agradece a colaboración dos voluntarios e as empresas implicadas neste envío.