Hoxe é Xoves 14 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Javier Alvarez, redondelán na zona cero da DINA: “Chegamos a repartir 6.000 comidas diarias”

dina1

As chuvias torrenciais sorprenderon a Javier Álvarez nun polígono industrial. Viviu momentos de tensión ata comprobar que a súa familia estaba ben “os teléfonos non funcionaban e tardei seis horas en chegar ao centro de Benetússer atravesando estradas anegadas e colapsadas con vehículos apilados”. A continuación chegou o momento de botar unha man e fíxoo coa axuda dunha quincena de veciños que durante dez días foron quen de servir nun comedor improvisado unhas seis mil comidas e ceas diarias para atender a todos os que o precisaban.

Alvarez, natural da zona da Picota de Redondela reside dende hai anos en Benetússer. O acontecido o pasado 29 de outubro sorprendeuno nun polígono e durante horas foi descoñecedor da magnitude da catástrofe.

Logo de pasar a noite xunto con outros compañeiros sobre un camión e completamente incomunicado porque os teléfono móbiles non funcionaban, os momentos máis dramáticos foron de regreso a súa casa “tardei horas en chegar nun camiño por estradas anegadas e colapsadas con vehículos apilados e xente preguntando polos seus familiares”. Javier Álvarez emociónase ao lembrar o momento no que se reatopou coa súa filla.

Pasado ese momento de maior impacto decidiron facer algo para axudar aos que aínda estaban peor. Puxeron así en marcha un comedor social nun baixo que adecentaron e no que servían entre 5.000 e 6.000 comidas diarias para garantir a todos os que o necesitaran que se puideran levar un prato de comida quente a casa, nuns días nos que ademais había moitas vivendas sen augas e sen electricidade. Algo que foi posible tamén grazas ás doazóns de negocios e particulares de localidades menos afectadas que poñían a materia prima coa que se elaboraban eses menús.

Un traballo que realizaron durante dez días e que xa por esgotamento paralizaron o pasado  sábado unha vez que tamén as cousas comezan a mellorar. As rúas están xa despexadas, retiraron moitos dos coches convertidos en  chatarra, pero aínda queda moito barro que dificulta as comunicacións. Están pendente de como evolucionará a situación “aquí cada negocio que abre, todos pequenos negocios que o perderon case todo, vívese como un pequeno triunfo”

O problema principal é o dos desprazamentos “o prezo dos coches está disparándose e moitos perderon o seu vehículos e non lles vai quedar máis remedio que mercar outro”.

Javier Álvarez aproveita o paso polos nosos micrófonos para agradecer a colaboración de voluntarios e axentes, como os da Policía Local de Redondela que a pasada semana axudaron tamén nos traballos de limpeza da zona.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará