Hoxe é Xoves 14 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Toponimia, alcumes e antropoloxía van da man no libro de Olga Nogueira sobre Ventosela

toponimia

A Cultural da Miñoteira acolle este sábado día 16, a presentación do libro de topónimos sobre a parroquia. A súa autora, Olga Nogueira, dará a coñecer a publicación xunto a alcaldesa, Digna Rivas, nunha charla ás 16.00 horas durante a cal se distribuirán exemplares de balde entre o público asistente.

Olga Nogueira explica que o libro pretende ser un exhaustivo percorrido por todos eses topónimos que se atopan nos dous barrios que conformar a parroquia, o de Castiñeira e Vilar do Mato, sen esquecer os seus regatos, ríos, montes… Detrás desta recollida atopamos un traballo intenso que supuxo mergullarse nas hemerotecas e arquivos, como o Catastro da Enseada. Con todo Nogueira salienta as achegas que atopou no Amillaramento do ano 1948-49, o Imposto da contribución que se pagaba a mediados do século pasado e onde os veciños informan dos terreos da súa propiedade e dos usos que lles daban a esas leiras. E como non, a colaboración imprescindible da propia veciñanza e a súa memoria. En total son máis de 400 topónimos que se estruturan por barrios pero tamén, para facilitar a súa consulta, decidiu incluir un índice alfabético.

Completa esta publicación cun índice de alcumes da veciñanza “unha parte patrimonial tamén do territorio” e que Nogueira decidiu incluír porque entende son uns datos de interese

Insiste ademais en que tentou facer un texto acompañado de imaxes que fora tamén de lectura e non exclusivamente de consulta polo que recolleu aspectos antropolóxicos –información sobre usos e costumes dun modo de vida que xa non é- que fan deste libro “unha ponte entre o pasado e o futuro”.

Neste sentido salienta a relación particular da veciñanza cunha parte do territorio tan específica como é o monte “son conscientes de que ese espazo que formou parte da súa forma de vivir durante séculos agora xa non ten o interese que tivo no pasado”.

Detrás hai catro anos de traballo con momentos de maior e menor intensidade e insiste en que se trata tamén dun traballo inconcluso “malia o satisfeita que estou deste libro recoñezo que aínda quedan moitos topónimos por recoller e por explicar”.

O Concello leva publicados 10 libros sobre a toponimia das parroquias co obxectivo de “poñer en valor, estudar e divulgar os topónimos do municipio, converténdose así Redondela nun referente na recuperación deste patrimonio inmaterial” segundo apunta a alcaldesa Digna Rivas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará