O alcalde Manu Lourenzo sinalou que as contas municipais para o ano que vén son as máis altas da súa historia “constatan a boa saúde económica de Soutomaior, o que permitiu que o orzamento suba preto dun millón de euros en dous anos”. O capítulo de investimentos alcanza case o millón e medio de euros.
O goberno local aprobará a vindeira semana o seu orzamento de cara ao vindeiro ano que chegará os 5,6 millóns de euros, converténdose no máis alto da historia de Soutomaior cun incremento do 8% con respecto a 2024 e dun 20% en relación a fai dous anos, o último orzamento aprobado polo anterior equipo de goberno.
Un orzamento “no que os investimentos e as actuacións de protección e promoción social son as súa liñas principais” segundo afirma o rexedor quen engade que se destinarán preto de 400.000 euros de fondos propios a investimentos, o que sumado á captación de fondos doutras institucións, permitirá investimento por valor de case un millón e medio de euros en diferentes actuacións e obras.
En canto ás partidas destinadas á protección e promoción social, son as que presentan un maior incremento, con preto dun 20%. O goberno local destaca o aumento nos fondos destinados ao Servizo de Atención ao Fogar (SAF) e ao Centro de Información á Muller (CIM). Neste sentido, o alcalde sinalou que “o Orzamento25’ confirma a aposta do goberno local por un proxecto ambicioso e serio para o noso concello e a nosa veciñanza, na que non deixamos a ninguén atrás”. O alcalde tamén sinalou que os datos do último ano referendan a boa saúde económica na que se atopa Soutomaior actualmente “un concello saneado, cuns datos de tesourería próximos a 1,5 millóns de euros e no que se realizaron investimentos en 2024 por valor de máis dun millóns de euros, máis ca nunca na historia do noso concello a estas alturas do mandato” insistindo tamén en que “por segundo ano consecutivo o orzamento conxela as taxas e impostos municipais, agás aqueles que son un imperativo legal, como é o caso do lixo coa transposición estatal da normativa europea sobre o tratamento de residuos”.