A Biblioteca de Soutomaior recibiu máis de 6.000€ en premios e subvencións para ampliar e mellorar a súa colección aos que hai que engadir, por vez primeira, unha achega de 2.000 euros de fondos propios do concello.
A finalidade do premio María Moliner, convocado polo Ministerio de Cultura e destinado a municipios de menos de 50.000 habitantes, é incentivar as accións de animación á lectura dirixidas a todos os veciños e veciñas, con especial atención aos colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma respectiva e realizadas polas bibliotecas públicas de municipios con menos de 50.000 habitantes. O concurso consiste na entrega dun máximo de 370 premios, por un importe individual de 2.777,77€ que deberán destinarse integramente á biblioteca municipal de cada localidade.
Ademais de Soutomaior, na provincia de Pontevedra só os concellos de Tui, Moraña e Pazos de Borbén acadaron este mesmo premio. Os cartos recibidos permiten que a biblioteca faga medrar a súa colección bibliográfica e ofreza un mellor servizo de acceso ás persoas usuarias. Isto é así porque se renovan libros deteriorados polo uso, invístese en lecturas adaptadas, múdanse as edicións que teñen a letra máis pequena e procúrase estar ao día nas lecturas escolares apoiando, deste xeito, aos centros de ensinanza do municipio.