Os traballos de renovación da rúa do Hospital, ao carón de cemiterio dos Eidos, consistiron na instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais. O obxectivo é evitar que a auga da chuvia acabe na rede de saneamento, o que supón unha sobrecarga para o sistema de depuración. O concelleiro responsable de infraestruturas e sostibilidade, Roberto Villar, explica que “se cambiou toda a tubaxe de pluviais que levaba 15 anos rota o que provocaba que as augas da chuvia estiveran conectadas ás do saneamento”.
Finalizados os traballos, os operarios municipais estenderon zahorra nos regos para favorecer o repisado. No prazo de 10 días procederase ao asfaltado da rúa.
Villar explica que a separación de augas pluviais e fecais “é fundamental para que sistema sexa sostible” xa que no caso de chuvias abundantes “o grande volume de auga pode superar a capacidade do sistema de sumidoiros e desbordar”. Deste xeito optimízase o rendemento da Planta de Tratamento de Augas Residuais (EDAR). O concelleiro destaca a dobre vantaxe destas redes separativas, por unha banda o beneficio medioambiental, xa que a auga da chuvia permanecerá limpa, e por outra o aforro económico a longo prazo “xa que se o volume de auga que chega á depuradora é menor, tamén será menor o custe do seu tratamento”. Villar sinalou tamén que o feito de facer esta obra co propio persoal municipal supón tamén un aforro para as arcas do Concello.