A actuación terá lugar este venres 23 ás 20:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén. O espectáculo está enmarcado nas actividades que organiza a Biblioteca co gallo da celebración do mes da tradición oral.
Coincidindo ademais co Día Internacional da Palabra e ás portas do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, a proposta para conmemorar ambas as dúas datas é unha obra pensada para público familiar a cargo de Vero Rilo. “Elas” leva aos espectadores polas historias de vida inspiradas en autoras, relatos tradicionais e voces de mulleres anónimas.
A obra presenta cinco mulleres con vivencias que abordan temas tan importantes como a loita feminista, a violencia de xénero, a maternidade, a sexualidade e as relacións humanas. Unha experiencia profunda e emotiva desde a infancia ata a madurez.
Entrada de balde ata completar aforo para asistir a este espectáculo do circuíto +ESCÉNICAS, impulsado polo Servizo de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra en colaboración cos concellos co obxecto de promover a cultura galega en todas as súas expresións e fomenta a creación artística e a convivencia en galego.