As comunidades de montes de Amoedo, Cepeda, Nespereira, Borbén, Xunqueiras, Pazos, Reboreda e Toutón fixeron alegacións en conxunto en contra da liña de Alta Tensión que se vai instalar como sistema eléctrico para cubrir o proxecto do Parque Eólico Coto de Eiras. Este afectará aos residentes en A Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela, non só pola instalación dos aeroxeradores, senón porque o proxecto está fraccionado e a LAT vinculada vai ocupar ao redor de 15 quilómetros de monte para poder chegar á central instalada en Nespereira.
Carmen Pereira, Presidenta da Comunidade de Montes de Pazos explica que o proceso das alegacións tivo que facerse “moi rápido e en pouco tempo”, porque o prazo remataba o 23 de outubro e o monte veciñal tivo a información necesaria para mobilizarse apenas un mes antes. Engade que “Xurxo Pardo Besadío, do BNG de Pazos e afectado, puxo en coñecemento do proxecto ao noso monte veciñal o 20 de setembro e inmediatamente puxémonos en contacto co resto de comunidades e particulares prexudicados polo proxecto”. Desta forma puideron organizarse para loitar en conxunto, pois agora, segundo Pereira “é o momento de unirse e deixar de lado outras cuestións para centrarse no obxectivo común” que é o de paralizar o Parque Eólico de Coto de Eiras e a Liña de Alta Tensión.
Contactaron cun bufete de avogados para informarse do proceso a seguir e organizáronse de forma conxunta pero cada comunidade ten a súa peculiaridade e grao de afección, polo que é complexo saber o total de alegacións. Foron presentadas por separado nos Concellos afectados e de momento só sabemos os datos facilitados polo Concello de Pazos que contabilizou 276. “Son moitas máis se contamos o resto de Concellos e asociacións veciñais como a de Moscoso que, a pesar de non ser afectados directos, tamén se involucraron”, sinala Pereira.
Reclaman que se cumpran todas as normativas vixentes e que se tomen as medidas necesarias para evitar o impacto medio ambiental negativo. Pero sobre todo piden que “se teña en conta ao rural, porque a nosa contorna ten unha beleza e riqueza espectacular que só podes sentilo estando alí”. A Presidenta da Comunidade de Montes de Pazos pon como exemplo a fraga de Pozo Negro pola que cruza a senda da Levada de Casqueiros ou a carballeira de Os Cubelos – considerada Red Natura- que quedaría completamente destruída.
O TSXG revisou 151 casos de solicitudes de suspensión de autorizacións previas para a instalación de parques eólicos en Galicia, dos cales 62 foron paralizados ata a data, mentres que unicamente cinco proxectos puideron seguir o seu curso de tramitación. Freáronse recentemente tres proxectos macroeólicos en Terra de Montes – Monte Festeiros, Outeiro Grande e As Penizas – para os que o máximo tribunal galego acolleu a solicitude de ADEGA de paralización cautelar. Dende Pazos, Carmen Pereira non perde a esperanza con que esta poida ser a resolución do Parque eólico de Coto de Eiras e que se paralice, pois “por fortuna están tombando moitos proxectos similares e confiamos en que fagan o mesmo co que nos toca de preto”.
Todas as comunidades e asociacións veciñais están en contacto e continúan con reunións e mobilizacións das que nos podemos informar a través da Plataforma en Defensa do Sur dá Dorsal. Alertan de que cada vez van a ser máis os proxectos de parques eólicos e que pode afectar a calquera zona en calquer momento. “Agora somos nós, pero mañá te pode tocar a ti”, remata a Presidenta da Comunidade de Montes de Pazos.