A última inspección afectou ao barrio de Outeiro das Penas en Cesantes e permitiu detectar vertidos de fecais na rede de recollida de augas pluviais procedentes de varias vivendas. O edil de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, advirte que “estas infraccións supoñen un grave prexuízo para o medio ambiente e neste caso os vertidos fecais acaban directamente na praia”. As inspeccións continuarán facéndose por todas as parroquias de Redondela para detectar posibles irregularidades.
Os traballos de renovación da rede de recollida de augas pluviais realizada no barrio de Outeiro das Penas, en Cesantes permitiu detectar que existían restos de augas fecais na rede de pluviais e localizáronse seis vivendas conectada a esta canalización de xeito irregular.
Técnicos de Aqualia, empresa concesionaria do servizo de auga e saneamento en Redondela, procedeu a revisar estas instalacións “pero só nunha das vivendas lles permitiron acceder ao inmoble para comprobar a situación da conexión de saneamento”, sinala Villar. Neste caso puido confirmarse que a vivenda ten conectado o saneamento á rede municipal de pluviais “o que supón unha infracción do regulamento”. Unha vez que reciban o requirimento formal terán un mes de prazo para facer as obras necesarias e conectar a vivenda á rede de saneamento. O responsable de Infraestruturas e Sostibilidade anuncia tamén que nas vivendas onde non se permitiu a entrada dos técnicos realizarase unha segunda visita coa Policía Local e de non ser posible facer a comprobación tramitarase unha denuncia no xulgado. O edil advirte que “a falta de colaboración pode ser prexudicial para os propios afectados, xa que incrementa as posibles sancións”.
Villar lembra que hai máis dun ano o Concello de Redondela rebaixou un 70% a taxa de conexión ao saneamento que pasou de 1.200 a 360 euros e anima aos propietarios das vivendas a aproveitar este desconto para conectarse á rede. Lembra os prexuizos medioambientais que supón non contar con este servizo “no caso do barrio de Outeiro das Penas os vertidos fecais acaban directamente na praia e contaminan”.
Lembra tamén o edil que o de Outeiro das Penas non é un caso illado “técnicos de Aqualia realizaron recentemente inspeccións na zona de Soutoxuste, no Viso, nas que detectaron un cento de vivendas que non están conectadas á rede de saneamento” e anuncia que as inspección por parte de técnicos de Aqualia continuarán facéndose por todas as parroquias para detectar posibles irregularidades. A próxima será na parroquia de Cabeiro.