Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Macarena Baena e Laura de Grado gañan o premio Sesé Mateo cunha reportaxe sobre as mulleres migrantes

sesé mateo

A reportaxe “Desprotexidas. A realidade das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero en España”, publicado na web Efeminista da axencia EFE, foi o mellor valorado polo xurado dun premio que busca recoñecer a ética xornalística á hora de abordar cuestións vinculadas coa violencia machista. As xornalistas Macarena Baena Garrido e Laura de Grado Alonso recollerán o premio, dotado co 1.500 euros, nun acto que se celebrará este sábado, día 23, na Oficina de Turismo de Redondela ás 12.00 horas enmarcado dentro da programación do 25N.

A reportaxe premiada denuncia “a situación de vulnerabilidade das mulleres migrantes, que ademais de sufrir violencia de xénero son tamén vítimas de violencia institucional, racismo e unha desprotección sistemática pola súa situación irregular”. Un traballo multimedia que inclúe vídeos con testemuñas en primeira persoa de mulleres de diferentes nacionalidades e no que se ofrece tamén a visión de expertas que propoñen solucións.

As xornalistas premiadas afirman que a súa responsabilidade “é dar visibilidade a aquelas voces que sistematicamente foron silenciadas”. A través desta reportaxe “queriamos que estas mulleres se convertesen nas donas da súa propia historia, narrándoas en toda a súa complexidade”. As autoras agradecen “a confianza e valentía” destas mulleres ao participar neste proxecto “co obxectivo común de que ningunha outra muller teña que vivir o que elas viviron”. Advirten que “a falta de acceso a recursos, o racismo, a discriminación, a desconfianza nas institucións e a lei de estranxeiría colócaas nunha posición de extrema vulnerabilidade”.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que o traballo elixido polo xurado pon o foco nas propias vítimas, “mulleres invisibles que sofren marxinación e violencia polo feito de ser mulleres, o que se grava pola súa condición de estranxeiras e sen recursos”. A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que estes premios naceron co obxectivo de recoñecer “a ética á hora de tratar información relacionada coa violencia machista, evitando o sensacionalismo, e iso é o que fai esta reportaxe que dá voz ás propias vítimas”.

O xurado estivo formado polas xornalistas Cristina García (CRTVG) gañadora do II Premio Sesé Mateo, Ana González Liste (A Praza) gañadora do III Premio Sesé Mateo, Laura Nogueira (Atlántico Diario) e María Xesús Queimaliños (Radio Redondela).

O premio está dotado n 1.500 euros e unha escultura en bronce feita pola asociación Lenda. As premiadas recollerano nun acto que se celebrará este sábado, día 23, na Oficina de Turismo de Redondela ás 12.00 horas. Celebrarase tamén unha charla-coloquio baixo o título “Os medios de comunicación como axentes do cambio” con Ana González Liste, Diana López Varela (xornalista, guionista e escritora) e Joshua Alonso Mateo, Técnico superior en Promoción da Igualdade de Género. Haberá unha lectura de poemas do libro de Sesé Mateo “Polo camiño do vento” a cargo de Mar Núñez.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará