O Multiúsos da Xunqueira acolleu un novo pleno infantil coincidindo coa semana na que se conmemora o Día Internacional da Infancia. Unha sesión que serviu para que o alumnado dos colexios de Redondela trasladaran aos políticos as súas demandas en cuestións tan variadas como o ocio, o ensino ou a seguridade viaria.
Alumnado dos colexios Alexandre Bóveda, Cedeira, Quintela, Igrexa, Porto Cabeiro, Reboreda, Santa Mariña, Colexio Vigo e os IES Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño participaron na xornada de onte no pleno municipal celebrado no Multiúsos da Xunqueira. A alcaldesa Digna Rivas, e a concelleira de Infancia, Iria Vilaboa foron as representantes do concello nunha sesión que contou tamén coa presenza de Marta Andrade de Unicef.
Un pleno infantil no que se escoitaron algunhas das demandas de rapaces e rapazas quen demandaron “máis parques adaptados para persoas con diversidade funcional” así como melloras nos patios dos colexios. Neste sentido reclamaron tamén a necesidade de mellorar a seguridade viaria nas entradas e saídas dos centros de ensino e falaron da necesidade de apostar por un ensino e unha sanidade públicos e de calidade “onde non se recorte persoal para que a atención á infancia sexa a axeitada”.
A alcaldesa, Digna Rivas, quen presidiu o pleno, salientou a importancia desta sesión “que permite que nenos e nenas de primeira man expoñan as súas necesidades, reivindicacións e inquedanzas” e comprometeuse a estudar as peticións que son competencia do Concello e darlle resposta. Tamén aclarou que se invisten moitos cartos públicos cada ano en melloras de parques e outros espazos públicos“que por culpa do vandalismo estráganse ao pouco tempo”.
A concellería de Infancia pola súa banda comprometeuse a trasladar todas estas peticións ás administracións competentes.