Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O dúo galego-canario Lula Mora actúa en Redondela na programación de Espaço Vivo

LULA MORA_FILM_263

Lula Mora son un dúo de indie-folk en galego formado por Sara Caride de Cambados e Silvia Izquierdo de Santa Cruz de Tenerife.  Chegarán a Redondela o domingo 24 de novembro  en sesión vermú ás 12:30 horas pechando a programación de Espaço Vivo para este mes.

O proxecto nace en decembro de 2022 en Santa Cruz de Tenerife, cando Sara decide mudarse á illa e coñece a Silvia en locais dedicados a concertos e micro aberto. O dúo combina música e poesía, creando pontes entre as súas dúas identidades culturais e xeográficas: Galicia e Canarias. As súas letras nútrense de vivencias persoais para falar de encontro, cambio, esperanza e sororidade. Cantan e recitan en galego e castelán gracias a importancia que lle dan ambas compositoras á cultura e a lingua que fai único cada territorio. 

“Aprendín algo de galego de tanto visitar Galicia coa familia de Sara e pedirlles que me falaran no voso idioma”, Silvia Izquierdo.

En canto ao estilo, Silvia explica que “combinamos a música de raíz, sobre todo de Galicia, co xénero de canción de autora e tamén explorando sons máis folk ou indies”. A vocalista e arreglista de Lula Mora estudou Interpretación da Guitarra Clásica polo Conservatorio Superior de música de Canarias, uns estudos que lle permiten introducir tamén influencias clásicas e contemporáneas nas composicións. Pola súa banda, Sara Caride – compositora, vocalista e multinstrumentalista do dúo – comezou o seu camiño na música sendo moi pequena como saxofonista nunha banda e coro local. Dende entón a súa voz habitou varios puntos de Latino América, chan co que tamén ten un gran arraigo persoal e do que tamén se nutren musicalmente.

“Non queremos limitarnos e estamos abertas a explorar no estilo e forma”, Silvia Izquierdo.

Ás súas dúas voces suman os sons da guitarra, o ukelele, o timple, o teclado e diferentes instrumentos de percusión. A proposta musical percorreu varias salas e festivais das Illas Canarias e Galicia, destacando a súa participación na LXXI Festa do Albariño (Cambados) ou no Festival Noon2024. O seu proxecto da acollida a sinerxías con diferentes artistas do panorama local así como con outros de maior audiencia, coma pode ser o artista internacional Muerdo, xunto ao que gravaron o seu primeiro single “Primavera” (Puipana REC). Este mes, ademais de pasar polo noso municipio, tamén actuarán o día 29 no Festival Fibra Sonora na Sala Insular a 8 de Las Palmas de Gran Canaria.

Hogar é o título que leva o seu primer traballo discográfico que sairá á luz a finais de xaneiro de 2025. Está feito de forma independente coa colaboración de Agustín Mesa como técnico de son e masterización en Estudio9. Trátase dun álbum conceptual no que o dúo atravesa diversas reflexións en torno ao concepto da pertenza a un territorio  e nel podemos atopar cancións como: Voar, Refuxio, Mar ou A fuxida, El mundo del racismo y del dinero ou Nana para no niños, onde se recoñecen na historia dos seus antepasados. “Pouco a pouco o fogar e a pertenza comezan a construírse dende o encontro cas outras persoas, rematando esta viaxe ca palabra “habitamos” a grito de coro na canción El charco”, explica a autora.

“Sara chegou a Canarias traballando con migrantes nun refuxio”, Silvia Izquierdo.

As cancións que o compoñen Hogar poderemos escoitalas no concerto deste domingo 24 de novembro en Redondela, xunto con temas novos e a posibilidade de ver unha actuación única e íntima gracias ao ambiente que ofrece Espaço Vivo. “Faremos unha viaxe que segue a narrativa das nosas vidas, pasando pola migración e achegándonos ao público de forma aberta”, conclúe Silvia.

Sivia Izquierdo adianta o que podemos esperar no concerto do domingo.

A programación de Espaço Vivo é para público reducido, polo que se precisa de reserva previa cun mínimo de catro horas de antelación no teléfono 622193026 ou no enderezo electrónico artenaleiragz@gmail.com. Ofrecen unha experiencia única onde tamén se pode degustar gastronomía vegana ecolóxica feita con agarimo e moita imaxinación.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará