O acto institucional do día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, 25 de Novembro, tivo lugar hoxe na Praza do Concello a partir das 12.00 horas coa lectura da Declaración Institucional e a presenza de representantes de todos os grupos da corporación. Participaron no acto o alumnado dos centros escolares e Centros de Día de Redondela, xunto coas distintas asociacións colaboradoras do Concello como Andaina, Lenda ou Cogami que decoraron a ‘porta violeta’ – emblema deste ano xunto co lema “sempre hai saída”- con frases contra a violencia machista que traballaron ao longo do mes.
Abriu o acto a Concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, cun discurso no que lembrou os demoledores datos do 2024. “Son 41 mulleres asasinadas no que vai de ano e catro delas en Galicia”.
A edil deu aso a declaración institucional que leron a veciña Mar Núñez e Patricia, como representante de Lenda Saúde Mental. No discurso recalcaron a trata de seres humanos, a violencia dixital e as redes sociais como fiestras abertas das nosas vidas co perigo que conlevan. “Ao concello de Redondela preocúpalle o alarmante aumento de violencia machista dixital exercida coa Intelixencia Artificial na que se utilizan imaxes persoais para crear pornografía e a violencia económica ou vicaria”.
Andaina tamén deu voz ao discurso no que avogaron por “derribar muros indivisibles e tecer redes de apoio e de confianza”.
A declaración institucional rematou lembrando o lema deste ano- “Sempre hai saída”. Este busca ser unha porta aberta a liberdade, unha alegoría para que as vítimas busquen axuda non so nas institucións, senón na súa contorna e familia. ”Creemos na necesidade da prevención da violencia de xénero e a detección das novas formas de violencia dixital”.
A escritora Arancha Nogueira e a artista Neves Seara realizaron unha simbólica performance na que reflicten as ataduras e dor que sofren as mulleres vítimas da violencia machista e da que poden saír con axuda. Esta intervención artística pretende ser un berro “polas que non poden falar”.
Pechou o acto a alcaldesa Digna Rivas quen despois de dar as gracias ás asociacións e institucións colaboradoras, fixo unha reivindicación como portavoz do grupo de goberno. “A violencia machista existe e non retrocede, as cifras son alarmantes e sobre todo entre a mocidade. Só remataremos con este tipo de violencia traballando xunto as administracións, o poder lexislativo, o xudicial, a fiscalía xeral do estado, as forzas e corpos de seguridade, as organizacións sociais, medios de comunicación e o conxunto de toda a sociedade”.
Un lazo humano violeta ilustrou a xornada. Organizaron a posta en escena na Praza e participou a veciñanza de forma libre para visibilizar as vítimas e os asasinatos machistas.
A Asociación Paxaretas de Redondela convoca hoxe unha manifestaicón ás 20:00h na praza do Concello con motivo do 25N. Ademais, a programación do do Concello de Redondela remata este xoves 28 de novembro, cunha xornada dedicada aos máis cativos coa lectura do contacontos “Aitana e a avoa, e outros contos violetas” no Multiusos do Piñeiral ás 18.30 horas a cargo de Soraya Lema para as crianzas de máis de tres anos.
Recursos para as vítimas
A porta violeta e o lazo humano foron unha proposta dos Servizos Sociais Municipais que se sumou á programación do CIM. Lembrar que o Centro de Información á Muller de Redondela é un recurso que está a disposición de todas as vítimas de violencia machista. O 016 é o teléfono de información e asesoramento para casos de violencia de xénero. É gratuíto e non se reflexa da factura telefónica, pero é necesario borralo do historial de chamadas do terminal.