Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xubilación de Jaime Figueroa tras 30 anos en Lenda, un “proxecto marabilloso” do que foi cofundador

jaime lenda

A xornada de hoxe estivo chea de emoción para Jaime Figueroa. A súa despedida como traballador de Lenda, no mesmo día no que celebra o seu 65 aniversario, converteuse nunha gran festa grazas a un programa de sorpresas preparadas polos seus compañeiros, compañeiras e usuarias do Centro. Actividades que estiveron amenizadas pola música da Rondalla de Redondela. Marcha coa satisfacción de que a Asociación teña acadado a súa estabilidade financeira – tras uns primeiros anos con moitas dificultades económicas- e de que siga medrando con novos proxectos dirixidos a atender ás persoas con enfermidades mentais.

“Sobrepasado” así se sentía Jaime Figueroa logo dunha mañá intensa na que celebraba a súa xubilación como traballador de Lenda, organización da que foi cofundador hai xa 30 anos.

Aproveitamos esta data tan especial para lembrar os inicios dun proxecto que custou moito poñer en marcha, principalmente por cuestións económicas, e cuxa supervivencia pasou por momentos moi complicados nos que había que pedir créditos abalados polas propiedades e meses e meses sen cobrar.

A idea partía aló polo ano 1994 de dúas persoas xa vinculadas a asociación Doa, Pilar Pérez e Esperanza Ponce quen lle formulan a proposta de crear un recurso semellante en Redondela.

Así, o centro actual, na Rúa Reveriano Soutullo, abría as súas portas o xaneiro de 1995 en plneo centro da vila. Jaime non deixa de agradecer que “dende o inicio fomos recibidos de xeito moi natural malia os tabús que existen en torno á enfermidade mental”.

Lenda foi medrando nestes anos e aos Centro de rehabilitación e ocupacional sumáronselles outras liñas de atención como os programas de atención no exterior no cárcere ou o programa Conecta coa Vida de prevención do suicidio que “está a ter unha repercusión incluso preocupante” polo elevado número de casos que atenden. Outras patas son por exemplo a atención no domicilio ou os programas de ocio que ofrecen aos seus usuarios e usuarias.

Trinta anos dedicados a atender a persoas diagnosticadas con enfermidade mental e que tamén lle deixan un poso negativo porque “a atención non experimentou unha melloría reseñable, as persoas con enfermidade mental grave e persistente están igual de desprotexidas que hai anos e os recursos de rehabilitación de toda Galicia están en mans de asociacións como a nosa”.

Confía plenamente no equipo que deixa ao fronte de Lenda que non deixará de traballar para que as persoas con diagnósticos de enfermidade mental estean atendidas como merecen.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará