O actual presidente da entidade, Daniel Virulegio anuncia a súa retirada logo de asumir este cargo dende o ano 2015. Aposta por unha transición amable na que o novo grupo de persoas que se poñan ao fronte da entidade asuman a responsabilidade de dirixir un espazo con moitas posibilidades, saneado economicamente e que busca incrementar os 500 socios cos que conta actualmente. A renovación da directiva terá lugar este venres na asemblea do Centro.
Un emblemático edificio que leva en funcionamento dende o ano 1974, malia que a sociedade é incluso anterior, remóntase ao ano 1954. Naceu co obxectivo de ser unha entidade sen ánimo de lucro coa misión de desenvolver a cultura, o deporte e o ocio na vila “e ese segue a ser os principio do Centro”.
Durante moitos anos foi un referente para os residentes da vila e que hai década atopábase nunha situación moi complicada con tan so 240 socios “o que non permitía a súa viabilidade económica”.
Nos últimos anos remontouse esta situación “conseguimos duplicar o número de socios e a día de hoxe xa son 500 veciños e veciñas os que fan uso destas instalacións para practicar deporte e actividades culturais”. Insiste Virulegio en que iso foi posible grazas a unha aposta decidida por converter o Centro “nun lugar de emprendemento aberto a todas as persoas que quixeran poñer en marcha actividades vinculadas coa filosofía do Centro”.
Entre as iniciativas posta en marcha nestes anos salienta as clases de apoio escolar a todos os nenos e nenas que o precisaran. Tamén o ximnasio que cada día atrae a máis amantes do deporte “un ximnasio que permite aso seus promotores ter en marchar un negocio e ao centro atraer a un número maior de socios”.
Entende Virulegio que é tempo de dar un paso ao lado “que veña xente nova con ideas novas” e insisten en que “deixamos unha entidade saneada cunha nova gobernanza onde haberá unha persoa que profesionalmente asuma a responsabilidade de dirixir o centro, un posto retribuído que estará acompañada nese camiño polos membros da xunta directiva que saia da asemblea que se celebra este venres”.
Entre os proxectos que non foi capaz de levar adiante a actual directiva, Virulegio lamenta sobre todo non ter logrado poñer en marcha un local de restauracións no propio edificio que servira de punto de atracción e de encontro da veciñanza.
Finalmente fai un chamamento ás institución e noemeadamente ao concello para que “non poña paos nas rodas” a este tipo de entidades “Nos xa non lle pedimos nada, pero si que non nos incrementen os gastos cando xa pagamos cinco mil euros de IBI e agora quérennos aplicar un recibo de lixo que supera os 2000 euros”.