Teresa Soto (21 anos) é unha produtora e directora redondelá que, a piques de rematar o Grao de Comunicación Audiovisual, xa conta cunha curta premiada no OUFF-Ourense Film Festival e o proxecto dunha serie en fase piloto sobre a movida dos anos oitenta.
A categoría Fas Muvis concedeulle o segundo premio á directora e a súa compañeira Marcela Villaverde por “A que garda sempre ten”, unha peza gravada en 48 horas e rematada en menos de 98. A decisión do xurado decidiu concederlles o galardón “pola frescura do seu guión, tratado con humor e talento polos seus protagonistas, e cun bo traballo de preprodución na variedade de localizacións”.
Contan a historia de tres mulleres – Elvira, Lucita e Manola – que sofren a perda dunha amiga e para honrar a súa memoria deciden facer a lista de “cousas pendentes que tiña escritas”. Esta incluía aventuras pouco habituais para a súa idade como facer graffitis, montar en kayak ou cociñar pasteis coas monxas. “Un relato cómico no que reflexionamos sobre a vida, pero tamén mostramos o perfil das mulleres maiores que é pouco habitual ver como protagonistas no audiovisual”.
As actrices as atoparon no teatro afeccionado contactando con asociacións ata atopar o que buscaban. A falta de tempo non permitía moito ensaio e foi unha sorte contar con intérpretes que ademais eran xa amigas para xerar un ambiente de “risa e conexión”.
Cos cartos do premio están agora no proceso de mellorar a curta para comezar a enviala a festivais tratando de facer un circuíto o máis amplo posible. Para poder facelo están traballando ca produtora de recente creación “Carallada Filmes”, con base en Galicia e Madrid.
Ademais deste proxecto, Teresa xunto coa súa compañeira de clase Mariña, están embarcadas na realización dunha mini-serie chamada “ A ritmo de Golpes” que tamén servirá como Traballo de Fin de Grao para Comunicación Audiovisual. Unha obra sobre a Movida dos anos 80 en Galicia con Cambados como escenario e na que fan unha relación entre o presente e o futuro de dúas xerácións de nais e fillas conectadas a través da música e o amor. “Tratamos o tema da responsabilidade afectiva e das relacións sentimentais de todo tipo, tanto familiares como en parella”.
Nestes momentos están no proceso de rematar o guión completo da serie – que xa conta cun piloto gravado – para o que están recibindo a axuda da Asociación Sindical Galega de Guionistas. Falta moito traballo por facer e o presuposto sempre é complexo de conseguir, pero ademais da ilusión Teresa Soto e as súas compañeiras contan cun gran talento que promete moito no audiovisual galego.