O colectivo está a realizar un estudo para analizar o impacto real da nova ordenanza fiscal reguladora da taxa do lixo que se move nun rango entre “o 50% e o 900% para as actividades económicas do municipio, afectando de forma desigual aos distintos sectores”. A Asociación anuncia a presentación dunha alegación conxunta e reclaman que a taxa sexa proporcional ao lixo que xera cada negocio.
Para a cuantificación económica do impacto, a entidade está a realizar un traballo de campo a través dunha enquisa dirixida á todas as empresas da localidade así como aos propietarios dos locais nos que se realizan actividades comerciais e empresariais.
Cunha mostra significativa de empresas enquisadas, as primeiras conclusións que se extraen levan a Asociación de Empresas de Redondela a estudar a presentación dunha alegación conxunta xa que a repercusión sobre as contas das empresas “fan que algunhas cheguen a formularse marchar do municipio”.
O impacto sobre as actividades, explican “é moi desigual, cuestión que é totalmente cuestionable ao non estar vinculada conceptualmente con ningún sistema de xeración”. Así por exemplo, restaurantes e cafeterías poden estar nunha pinza de subida que pode oscilar entre o 150% e o 250%, o comercio presenta un rango ente o 45,70% e o máis do 700% e actividades como academias de ensino poderían chegar a unha subida próxima ao 900%. Os centros residenciais vense afectados en maior medida pola subida canto menor é o seu tamaño, así unha residencia de menos de 25 prazas podería estar experimentado unha suba na taxa do lixo de case o 1.000%.
Mención aparte merecen as instalacións deportivas, recreativas, ocio e semellantes que poderían chegar a pagar ata 2.028,55 € en caso de superar os 500m2 e que sen dúbida polo carácter social e non lucrativo que teñen moitas das entidades que dispoñen deste tipo de instalacións deberán entenderse incluso eximidas da propia taxa.
En xeral as valoracións cualitativas das empresas enquisadas consideran que este abrupto incremento é un abuso e que creen que a medida debería ter, cando menos, un incremento paulatino.
Critican tamén dende o Colectivo empresarial que a nova ordenanza fiscal non contemple que os negocios paguen en base aos residuos que producen “cuestión que se obvia nesta ordenanza, sendo a súa modificación unha oportunidade para atender aos requirimentos establecidos pola nova normativa legal”.