Foto da primeira edición
Xa está aberto o prazo de inscrición para o II Torneo Beretiño de Nadal, organizado polo club Campito Chapela FS en colaboración co Concello de Redondela. O evento terá lugar do 2 ao 5 de xaneiro no Pavillón Municipal Manuel Gonzalez Soto e está dirixido a categorías base ata cadete. Os interesados terán tempo para inscribirse ata o 22 de decembro.
O principal obxectivo do torneo é, segundo o Presidente José Cardoso, “facilitar a conciliación familiar durante as festividades, dar a coñecer o club e fomentar a práctica deportiva entre os máis pequenos”. As categorías que poden participar son biberón, benxamín, prebenxamín, alevín, infantil e cadete, sendo esta última unha novidade que busca ampliar o alcance do evento.
O Campito Chapela FS quere agradecer aos clubs de diferentes deportes que adestran no Pavillón Municipal de Chapela, xa que, segundo o Presidente sempre están dispostos a colaborar e permiten o uso exclusivo das instalacións durante as catro xornadas do torneo.
Os partidos terán lugar de 10:00 a 20:00 horas todos os días, agás o 5 de xaneiro, que finalizarán ás 17:00 horas, dependendo do número de equipos inscritos e dos que cheguen á final. Cada partido constará de dous tempos de 13 minutos corridos. Para incentivar a participación de clubs fóra da comarca, garantirán un mínimo de tres partidos para cada equipo.
Todos os participantes recibirán medallas, e os mellores clasificados serán premiados con trofeos. Ademais, a cantina estará aberta, ofrecendo bocadillos quentes para recadar fondos para o Campito Chapela FS.
A inscrición estará aberta ata o 22 de decembro, salvo que se alcance o número máximo de equipos. O custo é de 20 euros por equipo, cun límite de 50 euros por club. Para inscribirse, é necesario abonar a cantidade no número de conta ES55 4793 8202 0006 2859 ou mediante Bizum ao número 607 34 76 28. É importante indicar no concepto o nome do club e a categoría. O Campito lembra que é obrigatorio contar cunha licenza federativa ou acreditación de seguro particular para participar.
ENTREVISTA COMPLETA AO PRESIDENTE DO CLUB, JOSÉ CARDOSO