Os traballos de deforestación na zona co uso de maquinaria pesada, incluíndo camións de gran tonelaxe e guindastres, están causando danos que poden ser irreparables. Especialmente preocupante é o feito de que os troncos talados están sendo depositados directamente sobre unha mámoa de 20 metros de diámetro e 1,20 metros de altura situado á beira da pista forestal que atravesa este campo de mámoas e apenas a 40 metros de distancia da emblemática Mámoa do Rei. Instan ao Concello que interveña de xeito urxente para deter esta agresión e evitar a posible desaparición da mámoa afectada.
Explican dende Alén Nós que estes traballos están a desenvolverse sen ningún tipo de control arqueolóxico, incumprindo así a normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural e responsabilizan dos posibles danos á empresa encargada dos traballos, á Comunidade de Montes e da falta de control por parte do Concello de Redondela.
Instan a que o departamento de patrimonio do Concello interveña de xeito urxente para deter esta agresión co obxecto de evitar que aconteza o que xa pasou no ano 2011 “cando unha mámoa próxima á agora afectada foi arrasada completamente por unha escavadora que achandou o terreo en que se atopaba”.
Lembran que este tipo de actuacións están detrás da desaparición das mámoas de Monte penide-Mirallo “no ano 1979 estaban catalogadas 58 mámoas, na actualidade só quedan 37. Nos anos que transcorreron de democracia, con todas as leis de protección existentes, desapareceu o 36 % das mámoas que perduraban ata ese momento. Nos anos que levamos de democracia destruímos máis mámoas que nos cinco mil anos anteriores de existencia destes túmulos funerarios neolíticos”.
A causas principais son: os traballos forestais sen control arqueolóxico, con maquinaria cada vez máis agresiva; a apertura de pistas forestais por todas as partes da montaña; a instalación de tendidos eléctricos de alta tensión, coa creación de cortalumes que arrasan todo o que exista baixo os cables; a instalación de tendidos de telefonía; a proliferación de motos de montaña que pasan sobre as rochas con gravados rupestres e utilizan as mámoas realizar para saltos.
Desde a Asociación Alén Nós ademais de reclamar a paralización inmediata dos traballos na zona esixen a instauración dun control arqueolóxico rigoroso supervisado polo Concello de Redondela e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e a depuración de responsabilidades por parte das autoridades competentes ante os danos ocasionados.
Unha resposta
Deberase sinalizar todo o patrimonio. Se non, volverá a suceder, porque a xente non coñece a importancia dos sitios