Os feitos tiveron lugar na madrugada de hoxe nun local de hostalaría no centro da vila e o home, veciño de Reboreda de 48 anos de idade, foi detido tras encararse aos axentes da Policía Local que se personaron no lugar alertados polo seu propietario.
Os feitos producíanse na madrugada de hoxe –ao redor das 2:30 horas- cando o home que se atopaba neste establecemento de ocio con evidentes signos de embriaguez comezou a tirar botellas e a insultar ao resto dos clientes. Ante as dificultades de controlar a situación, o propietario chamou a Policía Local. Os axentes tanto da Local como da Nacional trasladáronse ao lugar pero o home, lonxe de tranquilizarse, tamén se encarou con eles polo que foi detido por un delito de resistencia á autoridade. Na intervención con esta persoa incluso resultaría lesionado un dos axentes da Policía Nacional e golpeado un dos axentes da Policía Local.
O presunto agresor, vello coñecido da policía, foi detido e trasladado ao calabozo, onde pasou a noite á espera de pasar a disposición xudicial durante a xornada de hoxe.