En base a este convenio Andaina recibirá 20.000 euros, mesma cantidade que Cáritas, mentres que o convenio asinado con Afaga ascende a 18.000 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, puxo de manifesto a importancia de apoiar desde o Concello a estes colectivos “que desenvolven unha gran labor social e asistencial da que se benefician moitas familias do noso municipio”.
O Concello de Redondela acolleu onte o acto de sinatura de tres convenios con colectivos que realizan labores sociais e asistenciais no municipio. No caso de Andaina trátase dunha asociación sen ánimo de lucro creada por familias de nenos e nenas con diversidade funcional, e atenden a persoas tanto na etapa adulta como na infancia. O convenio do Concello con esta asociación incrementouse este ano, e pasa de 18.000 a 20.000 euros. Afaga Alzhéimer é una entidade sen ánimo de lucro que realiza diferentes actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzhéimer e outras demencias. En Redondela ofrecen talleres de estimulación funcional e cognitiva e tamén de prevención do deterioro cognitivo. O convenio con Afaga tamén se incrementou este ano e Concello achega 3.000 euros máis que no exercicio anterior, cun total de 18.000 euros. Por último, o convenio asinado con Cáritas mantén o importe do ano pasado, cunha subvención de 20.000 euros.
Os convenios foron rubricados pola alcaldesa, Digna Rivas, e por Lara Naya, Juan Carlos Rodríguez e Gabriel Gómez como representantes de Andaina, Afaga e Cáritas respectivamente.