O colectivo empresarial presentou unha alegación contra a suba das taxas da recollida do lixo aprobada por PSOE, AER e BNG por entender que incumpre diferentes normativas e vulnera os principios de igualdade e capacidade contributiva dos diferentes negocios. Salientan, entre outras cuestións, que non se contempla “un pago por xeración de residuos” e se aplican tarifas en base aos metros cadrados dos establecementos independentemente do lixo que producen “con incrementos que nalgúns casos superan o 1.000%”.
Na súa reclamación, a Asociación recolle que as administracións locais deben aplicar tarifas específicas en relación coa xeración de residuos de cada establecemento, cuestión que non se ten en conta nesta modificación da taxa do lixo. Tamén cuestionan o impacto sobre as actividades e poñen como exemplo que restaurantes e cafeterías poden estar nunha pinza de entre o 150% e o 250%, o comercio presenta un rango ente o 45,70% e o 700% e actividades como academias de ensino poderían chegar a unha subida próxima ao 900%, sen ter en conta en ningún caso o lixo que producen.
Os centros residenciais vense afectados en maior medida pola subida canto menor é o seu tamaño, así unha residencia de menos de 25 prazas podería sufrir unha suba de case o 1.000%.
Chaman tamén a atención sobre outras cuestións como que as taxas varían significativamente por razón dun só metro cadrado de superficie comercial. Poñen como exemplo que “un centro de ensinanza cunha superficie de 100m2 pagaría 287,03€ mentres un local de 101m2 pagaría 634,04€, e dicir, máis de dúas veces o importe por tan só un metro cadrado máis.
Na súa alegación recollen tamén que a ordenanza non ten en consideración a singularidade das empresas obrigadas a contratar servizos privados para a xestión de residuos, empresas que malia estaren obrigadas por normativa sectorial a contratar dito servizo de xestión de residuos, terían que pagar unha taxa adicional por un servizo que non emprega “o que resulta inxusto e desproporcionado”.