Ao abeiro do convenio de colaboración entre o Concello de Redondela e Galicia Suroeste, dotado cun orzamento de 18.000 euros, estase a traballar na eliminación de especies invasoras e a retirada de residuos sólidos, así como a elaboración dunha guía sobre as especies de fauna e flora da contorna.
O Concello de Redondela e Galicia Suroeste acaban de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro desta contorna. O proxecto inclúe a retirada manual de especies invasoras e de residuos sólidos urbanos nunha área de 15.000 metros cadrados na zona supralitoral da praia de Cesantes. Por unha banda eliminaranse da zona dunar e circundantes os exemplares de Artotheca Calendula para restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que que está xerando unha perda de espazo para as especies autóctonas e rompendo a conectividade ecolóxica básica. Por outro lado, limparase a zona dunar do areal de residuos sólidos urbanos que frean a chegada de algas e outras materias naturais necesarias para nutrir a fauna da zona. Para iso peitearase a zona supramareal para a súa limpeza, contribuíndo así a restaurar a súa funcionalidade ecolóxica e favorecer o uso recreativo, educativo e turístico da contorna. Estes dous labores remataranse en marzo de 2025.
Enmarcado dentro deste proxecto levarase a cabo ata abril de 2025 un inventariado xeral de especies de flora e fauna autóctonas en 80.000 metros cadrados da propia enseada de San Simón, zonas adxacentes á praia de Cesantes, o Paseo da Portela e Punta Socorro. O inventario recollerá moitas especies de aves migratorias que fan a súa parada na enseada, e tamén anfibios, réptiles e mamíferos que poden ser observables por persoas usuarias e turistas de forma fácil.
A iniciativa inclúe a creación dunha guía didáctica en formato dixital para divulgar o proxecto entre os visitantes e turistas “que servirá para poñer en valor este espazo natural con vistas á promoción de novos produtos turísticos sostibles” segundo destacou a alcaldesa Digna Rivas quen salientou a importancia crucial deste tipo de acción para protexer “a enseada de San Simón, un patrimonio natural de incalculable valor”. A presidenta de Galicia Suroeste, Sandra González, destacou a importancia de proxectos como este, co que “non só reforzamos a nosa aposta pola preservación ambiental, senón que poñemos en valor esa riqueza impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente”.
A iniciativa conta cun investimento de máis de 18.000 euros financiados por Galicia Suroeste ao abeiro das inversións para a adaptación ao cambio climático e prevención de riscos nos territorios litorais do Xeodestino. As axudas enmárcanse na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) ‘A Despensa de Galicia’ dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.