Os galardóns entregaranse este sábado ás 12:30 horas no Multiúsos da Xunqueira, nun acto no que se dará a coñecer os premiados de entre os 51 alumnos e alumnas dos catro centros de ensino secundario público do Concello que participaron nesta primeira convocatoria. Os temas elixidos foron do máis variado: o pasado da fábrica de Regojo, a pesca do choco, a historias do deporte local ou o uso do galego entre a poboación de Redondela entre outros.
Esta iniciativa, dos Departamentos de Xeografía e Historia dos IES de Chapela, San Simón, Mendiño e Pedro Floriani, busca crear sinerxías entre os diferentes centros de ensino de Redondela ao tempo que pór en valor a investigación social e as propias Ciencias Sociais dentro dos centros de ensino.
O Certame pretende promover o estudo e coñecemento sobre o conxunto do concello de Redondela alentando o espírito investigador e científico do alumnado de secundaria. Pór en valor a diversidade xeográfica, histórica, cultural e xeográfica do concello de Redondela e o espírito crítico e conciencia cidadá entre o alumnado de secundaria.
Nesta primeira edición, presentáronse 19 traballos nos que participaron 51 estudantes. Os temas tratados e que obrigaron ao estudantado a mergullarse nas fontes primarias, xa foran orais, realizando entrevistas, ou documentais, consultando diversos arquivos e hemerotecas, foron diversos. Abordan cuestión como a situación do galego, a pesca do choco, Regojo, clubes deportivos, o cargadeiro de Rande, a festa da Coca ou algunha biografía. Destacan pola realización de entrevistas, normalmente a familiares, a combinación con fontes de arquivo e a inclusión de fotografías.
O xurado, composto por membros dos catro departamentos de Ciencias Sociais dos centros de ensino secundario públicos do Concello así como por Carlos Antuña, da asociación SEREN e Brais Ferreiro, membro da Cooperativa Mazarelos e editor da revista de divulgación histórica do mesmo nome, tivo en conta a orixinalidade das investigacións e a súa achega ao coñecemento do concello de Redondela así como a boa redacción e contratación das fontes utilizadas.
Os premios, que consisten nun diploma, un lote de libros e un vale económico para consumir no comercio local, entregaranse este sábado nun acto no Multiúsos da Xunqueira ás 12:30 horas. O Concello de Redondela apoia o proxecto colaborando na futura edición e publicación dos traballos nunha revista que pretende ser anual.