Pablo Couñago xunto aos seus familiares e representantes políticos durante a homaxe en Redondela
Pablo Couñago celebrou por partida dobre o 25 aniversario da histórica conquista do Mundial Sub-20 en Nixeria. O pasado venres, o Multiusos da Xunqueira acolleu a inauguración dunha exposición organizada polo Concello de Redondela en honra á súa brillante carreira de case tres décadas no mundo do fútbol. A xornada contou cun emotivo recoñecemento por parte de amigos, familiares e compañeiros de profesión. Ademais, a comezos de xuño, o aniversario foi conmemorado en Eivissa cunha reunión dos xogadores daquela lendaria xeración, que aproveitaron para rememorar o seu inesquecible triunfo. O exfutbolista reflexiona sobre a presión no fútbol actual, a importancia da formación integral e o compoñente humano como clave do éxito deportivo.
O exfutbolista redondelán, quen formou parte desa selección española Sub-20 en 1999, estivo presente na celebración que tivo lugar no Campo Municipal de Fútbol de Sant Antoni ante 700 asistentes . O acto estivo marcado por un partido solidario no que xogaron Aranzubia na portería; Pablo Coira, Marchena, Jusué, Bermudo na zaga; Xavi e Colsa no centro do campo, e Varela, Barkero e Pablo Couñago como dianteiros.
O encontro foi especialmente emotivo e significativo, pois marcou o inicio da carreira de varios xogadores que máis tarde se converterían en piares fundamentais da selección española absoluta, especialmente durante a súa era dourada, cando España conquistou a Eurocopa de 2008, o Mundial de 2010 e a Eurocopa de 2012. Couñago destaca que mantén unha excelente relación cos seus compañeiros daquela selección e lembra que, máis aló do traballo e o talento deportivo, existía un compoñente humano que consideraban esencial.
Unha reflexión que Couñago comparte cos seus compañeiros, e que serve como análise da evolución da industria do fútbol nas últimas dúas décadas, é que “a maioría de nós non vivimos a presión que teñen agora os nenos para alcanzar o fútbol profesional”. Na súa opinión, naquela época gozaban máis do deporte, e incluso afrontaron o Mundial sen expectativas excesivas de gañar. “É fundamental animar aos nenos a cumprir os seus soños, pero sempre con bo asesoramento e sen perder de vista a realidade e a dificultade de chegar á elite”, subliña Couñago.
Couñago subliña a importancia de preparar aos xogadores en todas as etapas, non só para xestionar o éxito, senón tamén para afrontar o fracaso. “Os clubs desempeñan este labor, pero é fundamental que tamén o faga o seu entorno e os pais, porque só un 15% ou 20% dos rapaces que soñan con ser profesionais logran conseguilo”, reflexiona o exfutbolista.
Un dos recordos máis entrañables de Couñago, reflectido tamén na exposición organizada polo Concello de Redondela, é o tempo que pasou en Casa Paco cos seus compañeiros. Alí viviu o fútbol con ilusión e desfrutou dunha etapa chea de aprendizaxes e camaradería. Couñago destaca a figura de Manolo Casa Paco, a quen define como “a primeira persoa que me inspirou e un verdadeiro referente tanto a nivel deportivo como humano”. Para el, observar as fotos daquela época evoca “a alegría máis sa que existe”.
Couñago, que actualmente traballa como representante de futbolistas tras tomar a decisión de non adestrar, subliñou que, a pesar de non sentirse preparado para ser técnico, a súa nova faceta profesional lle permite seguir ligado ao mundo do deporte, algo que para el é moi “importante”, porque o seu soño sempre foi o fútbol.
EXHIBICIÓN SOBRE PABLO COUÑAGO
O Multiusos da Xunqueira foi escenario o venres da apertura da exposición que o Concello de Redondela decidiu dedicar a Pablo Couñago coincidindo cos 25 anos do Mundial Sub20 que conquistou coa selección española en Nixeria e na que foi bota de ouro. Durante a apertura, que contou coa presenza da alcaldesa Digna Rivas e o Concelleiro de Deportes Iván Valles proxectouse un documental sobre a carreira do futbolista que comezou xogando no Casa Paco e formouse logo no Celta, Ipswich Town, Numancia ou Málaga, entre outros, para colgar as botas aos 38 anos no CD Choco. Vinte anos de carreira que se repasan nesta mostra na que hai numerosos obxectos persoais e recordos da carreira do futbolista e que estará dispoñible para o público ata febreiro. Algúns dos seus antigos compañeiros e técnicos que tivo na súa carreira acudiron á apertura.
No documental de homenaxe, dirixido e escrito por Cuchi Carreira, participaron varios dos protagonistas daquel Mundial, como Xavi Herández, Pablo Coira ou Gonzalo Colsa, ademais doutros ex xogadores, técnicos como Rafa Sáez, persoeiros do mundo do fútbol, como Manolo Conde, familiares e amigos de Pablo Couñago como Jacobo Montes ou “Plati”. Todos coinciden en destacar do redondelán “a súa humildade e honestidade”, e a súa gran calidade “como futbolista e sobre todo como persoa”.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que é “un orgullo” poder contar en Redondela cun deportista e unha persoa como Pablo Couñago, ao que o Concello quixo render esta homenaxe “máis que merecida”. Un emocionado Pablo Couñago recibiu os aplausos do público e dixo sentirse “honrado” por recibir este cálido recoñecemento en Redondela “o lugar onde nacín, onde comecei a xogar ao fútbol e onde espero morrer”.