O goberno local asegura que a comezos de verán a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a limpeza e tala de biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, pero esta actuación aínda está pendente de realizarse. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe preocupación por parte dos veciños e demanda que estas limpezas se estendan a todas as “faixas secundarias” do municipio para previr incendios.
Redondela demanda a SEAGA, (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), que axilice o máximo posible as xestións para proceder á tala e limpeza das denominadas “faixas secundarias”, é dicir, naquelas franxas de 50 metros ao redor de construcións e vivendas que deben manterse limpas e sen especies pirófitas, para evitar risco de incendios.
O Concello de Redondela, a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e SEAGA asinaron un convenio para a súa xestión en 2022. En base a este convenio a Consellería de Medio Rural comprometeuse a acometer a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, e noutras zonas próxima a vivendas. Álvarez explica que hai un total de 10 hectáreas das que está aprobada a súa limpeza, pero aínda non se realizou. O concelleiro de Medio Ambiente advirte que existe preocupación por parte dos veciños, e que desde o Concello ofrecen “toda a colaboración á administración autonómica para resolver esta situación”. O edil explica que desde o Concello de Redondela “están a facerse os deberes” e remitindo á Consellería toda a documentación que solicitan, e lamenta que a Xunta de Galicia “demore durante meses todas as tramitacións”. O concelleiro confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible”.