Logo de meses de cruces de acusacións entre o Concello de Pazos e a Deputación polas continuas demoras na sinatura do convenio para o arranxo e ampliación da estrada que une o polígono de Amoedo co Alto dos Valos a obra segue sen arrancar malia que o convenio está asinado dende inicios de outubro. Unha demora que non ten explicación para os veciños e veciñas que dende hai anos están a mobilizarse para reclamar unha estrada segura.
Na xornada de onte reuníronse co alcalde de Pazos, Luciano Otero a que lle piden que medie ante a Deputación porque, segundo din, “os responsables do organismo provincial néganse a recibirnos”. Como mostra de boa vontade deciden paralizar temporalmente as protestas que semana tras semana están protagonizando na propia EP-2702 e na estrada N-550 “paramos de boa fe, pero iso non quere dicir que non vaiamos retomar esas protestas con máis intensidade no caso de que dentro de dous meses a situación siga en punto morto” explica un dos membros da Plataforma pola mellora da EP-2702, José Alfaya
Insisten en que non hai explicación para que as obras non arranquen “a Deputación ameazaba con destinar a outros usos o millón de euros que estaba reservado para este tramo da estrada se non se asinaba o convenio, unha vez asinado non entendemos porque non comezan a traballar na obra”.
Unha vez máis tamén reclaman información sobre os seguintes tramos “non ten sentido que o arranxo dunha estrada de 8 kilómetros se faga en tres fases, a día de hoxe tan só hai comprometido o arranxo dun kilómetro mentres o resto do trazado non vai experimentar ningunha mellora”.
Os usuarios da estrada que comunica Os Valos con Amoedo continúan reivindicando o arranxo dunha vía que dende hai anos veñen denunciando pola súa elevada perigosidade con un firme moi deteriorado e sen beiravías nin beirarrúas o que impiden aos peóns desprazarse pola zona con seguridade.