Foto de Patry Rivas
O SAR Rodavigo logrou un empate a 29 goles contra o BM Fuentes Carrionas, mantendo a súa posición na metade da táboa da División de Honra Prata Feminina. Pola súa banda, o CDEC Lavadores Vigo venceu con contundencia ao CIES Obra Civil Balonman Chapela (36-22) en Primeira Autonómica, mentres que As Choqueiras Pastoriza caeron por 36-33 ante o AISPAR BM Caselas na Segunda Autonómica Feminina.
División de Honra Prata Feminina
SAR RODAVIGO – BM FUENTES CARRIONAS (29 – 29)
No Pavillón Municipal de A Bomboneira, o SAR Rodavigo conseguiu un empate a 29 goles contra o BM Fuentes Carrionas. Foi un encontro moi igualado, onde ambas as formacións deron todo na pista. Con este empate, as mozas do SAR manteñen a súa posición na metade da táboa.
Tras unha primeira parte equilibrada, na que ningún dos dous equipos logrou impoñerse e chegouse ao descanso cun axustado 12-12, as locais saíron máis fortes na segunda metade. Un parcial favorable permitiulles abrir unha vantaxe considerable (20-14, 40’) nos primeiros 10 minutos, o que fixo pensar que o triunfo era posible.
Con todo, o BM Fuentes Carrionas reaccionou e foi recortando a diferenza aos poucos, aproveitando algúns erros e imprecisións das nosas. A falta de 30 segundos para o final, as visitantes lograron igualar o marcador, deixando ao equipo coa sensación de deixar escapar un partido que tiveron controlado durante boa parte do segundo tempo.
A próxima semana dará comezo a segunda volta da liga DHPF cun derbi galego contra o Balonmán Porriño no Pavillón Municipal de A Bomboneira.
Primeira Autonómica Feminina
CDEC LAVADORES VIGO – CIES OBRA CIVIL BALONMAN CHAPELA (36-22)
No encontro correspondente á Primeira Autonómica Feminina, o CDEC Lavadores Vigo venceu con contundencia ao CIES Obra Civil Balonman Chapela por 36-22. As xogadoras de Chapela loitaron con forza, especialmente durante a primeira metade, pero finalmente non puideron evitar a derrota ante un dos equipos favoritos da liga. A pesar da derrota, as sensacións foron boas, e o equipo segue confiando no seu traballo.
As de Chapela continúan sen sumar puntos e ocupan a última posición da táboa. A próxima fin de semana descansan e retoman a competición o 12 de xaneiro de 2025 cando recibirán ao BM Porriño.
Segunda Autonómica Feminina
AISPAR BM CASELAS – AS CHOQUEIRAS PASTORIZA (36-33)
O equipo de As Choqueiras Pastoriza non tivo mellor sorte, perdendo ante o AISPAR BM Caselas por 36-33. Este resultado deixa ao equipo na última posición da táboa, sen sumar puntos ata o momento. As xogadoras descansarán na próxima xornada e volverán á competición o 19 de xaneiro de 2025.