Os populares lamentan que se fixe para esta tarde ás 20:00 horas unha sesión extraordinaria “para despachar 132 alegacións co único obxectivo de aplicar un incremento medio estratosférico do 165% neste imposto” malia as irregularidades e anomalías na fase de exposición pública. Acusan ao goberno de agochar o proceso todo o que puideron porque teñen mala conciencia polo sablazo e agora aplican unha axilidade inaudita para rexeitar as peticións da veciñanza e aumentar a recadación para tapar a súa pésima xestión económica
O grupo municipal do PP de Redondela vén de acusar ao goberno local de “escurantismo e malas artes políticas” pola convocatoria urxente dun pleno extraordinario “para rexeitar a todo correr as alegacións contra a suba estratosférica da taxa do lixo e perpetrar deste xeito a súa traizón aos veciños”.
A sesión extraordinaria convocada para hoxe ás 20.00 horas “só ten como obxectivo despachar de mala maneira, con escusas que serán moi normativas pero que teñen unha nula sensibilidade social, as 132 reclamacións presentadas para poder aplicar un incremento medio brutal do 165% neste tributo malia as irregularidades e anomalías que se produciron durante a fase de exposición pública e de presentación de alegacións” afirma o voceiro dos populares, Javier Bas.
Neste senso, o PP local, que foi unha das entidades alegantes xunto coa asociación de empresarios e decenas de veciños, indicou que non ten ningún sentido que se faga un cálculo da produción de residuos orgánicos segundo a superficie no canto do contido da actividade, “o que motiva que haxa auténticas aberracións, especialmente en comercios que van ver incrementada a tarifa en máis dun 300% e que apenas producen lixo para o contedor verde”.