Os votos a favor de PSOE, AER e BNG permitiron ao goberno local sacar adiante as propostas que se debatían no pleno extrarodinario celebrado esta tarde no Multiúsos da Xunqueira: rexeitar as 132 alegacións presentadas contra a modificación da ordenanza da taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos e a súa aprobación definitiva. O PP mantivo a súa negativa a un incremento que cualificaron de “tasazo” que ten afán “confiscatorio e recadatorio para suplir a mala xestión económica do goberno”.
Non houbo sorpresas e tal e como estaba previsto o goberno local de PSOE e AER aprobou cos votos do BNG o incremento da taxa do lixo. Unha modificación na Ordenanda que regula a recollida e tratamento do lixo e que incrementa o recibo que se paga actualmente. Así, dos 71 euros anuais que pagan os domicilios particulares a tarifa pasará a ser de case cen euros. Comerciantes, hostalaría e negocios terán que asumir incrementos diversos dependendo do sector e dos metros cadrados dos establecementos, con subas nagúns dos casos que superan o 300%.
Durante o debate, o edil de AER, Roberto Villar lembraba que a súa formación xa levaba no programa electoral o seu compromiso de subir o lixo “porque é imprescindible actualizar unha taxa que é deficitaria, xa que o custe da recollida e tratamento ascende a 2.400.000 euros cando o que se recada son 800.000 euros o que supón un déficit do 281% neste servizo, un millón e medio de euros que van ao lixo cada ano”.
Restaba tamén relevancia ás alegacións presentadas “das 132 que se entregaron no concello, o 80% era a alegación do PP asinada polos seus simpatizantes e militantes” e acusou aos populares de provocar esta situación “por non ter actualizado esta tarifa durante os 8 anos que gobernaron”.
Para o BNG o número de alegacións presentadas “son un batacazo para o PP, que non conseguiron mobilizar á veciñanza malia as continuas mentiras que veñen vertendo nas últimas semanas”. Insistía o seu voceiro Xoán Carlos González na necesidade de actualizar estas taxas que levan conxeladas vinte anos e lembraba que o apoio do seu grupo á proposta do goberno conleva como contrapartida o compromiso de que nun par de anos o servizo se remunicipalice e deixe de estar en mans dunha empresa que o esta facendo de xeito deficiente.
Aseguraba tamén non entender que o PP non estea de acordo con esta modificación “cando sempre buscan o equilibrio das contas e sabendo que concellos da contorna gobernados polos populares están a aplicar os mesmos incrementos.
Os populares criticaron todo o procedemento por entender que careceu de trasparencia e de participación e argumentaron o seu voto en contra deste incremento das taxas porque “non responde a un obxectivo ambiental nin de mellora de servizo, só responde a un fin confiscatorio e recadatorio que traslada o custo da mala xestión dos recursos municipais aos veciños e veciñas que terán que asumir co seu peto as consecuencias da falta de planificación do goberno” afirmaba Ana Alonso.
En canto a suba salientaba que vai afectar a veciñanza en xeral pero, de xeito especial, “aos comerciantes, emprendedores e calquera persoa que queira realizar unha actividade económica en Redondela” que son os que máis se van ver gravados con este imposto.
A socialista Rita Pérez rexeitaba as críticas e insistía en que a ordenanza cumpre os principios de transparencia e participación. Acusaba tamén a concelleira de Facenda aos populares de mentir á cidadanía lembrándolles que concellos da comarca, moitos deles do PP e análogos a Redondela en poboación e territorio, aplican ordenanzas semellantes co obxectivo de compensar o elevado déficit que lles supón aos concellos pagar a xestión do lixo “sobre todo despois do tasazo que Sogama lle vaia apliar aos municipios galegos”.