Hoxe é Venres 20 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de mil sinaturas en Chapela esixen medidas contra a contaminación acústica dos trens

IMG20241219115817

A Asociación de Veciños de Chapela recolleu 1.129 sinaturas para demandar accións fronte á grave contaminación acústica provocada polo paso de trens, especialmente os de mercadorías. Este ruído constante está afectando a calidade de vida da veciñanza, causando trastornos no descanso, estrés e problemas de saúde relacionados coa exposición a altos niveis de son.

O paso dos trens pola parroquia de Chapela, que cruza dende a zona industrial de Pescanova ata as Catro Pontes, e vai camiño Guixar ten un impacto negativo nunha área densamente poboada, afectando a uns tres mil veciños, en especial nas zonas onde a distancia entre as vías e as vivendas é mínima. Con apoio da Asociación de Veciños de Chapela, os residentes iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas, que xa conta co respaldo de máis de mil persoas. Este xoves entregaron as sinaturas no Concello de Redondela, onde se presentaron con pancartas en sinal de protesta. Tentaron reunirse coa alcaldesa e responsables municipais, pero non conseguiron cita. Segundo o presidente da asociación, “temos que solicitar unha cita por rexistro e agardar a que nos atendan a principios de xaneiro”.

As demandas da veciñanza inclúen medidas correctivas como a instalación de barreiras acústicas antivibratorias, a redución da velocidade dos trens nas zonas máis próximas ás vivendas e melloras no mantemento das vías para minimizar os ruídos e as vibracións. Unha veciña afectada, Gauri, conta que leva toda a súa vida prexudicada pola presenza de ADIF, desde a expropiación dos terreos da súa familia até o aumento do fluxo de trens de mercadorías. “Non podemos durmir nin ver unha película ou manter unha conversa cando pasa un tren. A situación é insostible”, afirma.

Gauri tamén denuncia que nin ADIF, nin o Ministerio de Transportes, nin o Concello lles dan resposta á súa reclamación de medidas para mitigar o impacto. “As autoridades non están tendo en conta a nosa situación. Aínda que sexamos poucos, somos cidadáns como calquera outro e precisamos falar cos responsables do Concello de Redondela e coa alcaldesa”, explica.

Pedir a modernización das infraestruturas ferroviarias é outra das principais demandas. Gauri subliña que a normativa europea esixe o uso de maquinaria ferroviaria máis silenciosa e menos contaminante, como os trens eléctricos, e a mellora das vías ao nivel das normativas actuais. “Estes trens tamén danan o medio ambiente, polo que reclamamos maior sustentabilidade por parte do Ministerio”, destaca.

A veciñanza tamén suxire que a instalación de pantallas antiruído, sempre con estudos e respaldada por expertos, podería ser unha solución, pero non descartan outras alternativas. “Queremos que o servizo de mercadorías continúe, pero que non afecte tanto á nosa calidade de vida”, sinalan.

Antonio, outro veciño afectado, denuncia o incremento da basura e a circulación de mercadorías perigosas nos trens que se dirixen a Sogama. “O impacto das vibracións tamén está deteriorando as nosas casas, e tememos que un día poida ocorrer un accidente debido aos vagóns, que son cada vez máis longos e antigos”, engade.

O tráfico ferroviario na zona aumentou de maneira significativa nos últimos anos, especialmente o dos trens de mercadorías, que pasan durante todo o día e a noite. Neste momento, a circulación triplicou, pasando de 100 a máis de 300 trens mensuais, e os trens de mercadorías, de ata 400 metros de lonxitude, son os máis ruidosos. Bruno, un universitario da zona, asegura que “a contaminación acústica impide estudar”, mentres que María Vitoria denuncia que este ruído e as vibracións tamén están deteriorando as vivendas e dificultando a convivencia. “Non tivemos resposta a nosa solicitude de reunión con ADIF, que pedimos a través do Concello”, lamenta.

A mobilización dos veciños non só busca mellorar a súa calidade de vida, senón tamén sensibilizar ás autoridades locais e autonómicas sobre a urxente necesidade de reducir o impacto do ruído ferroviario. Entre as propostas destacan a instalación de pantallas acústicas, melloras na infraestrutura ferroviaria e a regulación das horas de paso dos trens, especialmente para evitar o ruído nocturno.

O Concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, desde o goberno local, informa a Radio Redondela que xa se solicitou a reunión co ADIF e que, ademais desta cuestión, se aproveitará a ocasión para trasladar outras demandas de gran interese, entre as que se inclúe a tan agardada creación do apeadoiro para Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará