Hoxe é Xoves 19 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Protesta dos traballadores do Mercadona de Redondela para denunciar o clima laboral no supermercado

mercadona

Convocados pola CIG, traballadores e traballadoras do Mercadona concentrábanse ás 11 horas de hoxe ás portas do establecemento que se atopa en Cedeira. Unha protesta enmarcada na campaña ‘Un segredo a voces’ para denunciar o clima laboral nesta cadea de alimentación con “insultos, faltas de respecto e acoso por parte dos superiores xerárquicos”.

A campaña posta en marcha pola CIG-Servizos o pasado mes de agosto para denunciar o clima laboral en Mercadona trasladouse hoxe a Redondela cunha concentración diante do establecemento da empresa de alimentación situado na estrada do Cruceiro para rexeitar a explotación laboral, o acoso e as faltas de respecto que padece o persoal por parte de superiores xerárquicas e denunciar a excesiva carga de traballo e os tempos imposíbeis de cumprir.

Lara Castro, delegada da CIG no comité provincial de Mercadona e traballadora do establecemento redondelán, sinalou que as persoas empregadas teñen que soportar a diario “condutas inapropiadas” por parte de superiores xerárquicas, “como insultos, vexacións, faltas de respecto e mesmo persecucións cada vez que queremos ir ao cuarto de baño”.

Un acoso que din comeza incluso antes do inicio da propia xornada laboral, “xa que nada máis chegar ao centro de traballo recibimos berros advertíndonos de que non nos vai dar tempo a facer o traballo”. De feito, a excesiva carga de traballo e os tempos imposíbeis de cumprir son outras das cuestións nas que se centra esta campaña.

O sindicato lembra que a Inspección de traballo vén de emitir unha resolución requiríndolle a Mercadona que cumpra a normativa en prevención de riscos e corrixa as graves deficiencias detectadas a respecto tanto da formación nesta materia como da avaliación dos riscos psicosociais en centros de traballo da provincia de Pontevedra.

Na CIG consideran que existe unha relación directa entre estes incumprimentos e o actual clima laboral, caracterizado por altos ritmos de traballo, faltas de respecto, presión ante baixas médicas, acoso por parte das responsábeis dos centros de traballo, dificultades e chantaxe ás persoas que solicitan conciliación familiar, etc.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará