Os traballos de acondicionamento e mellora do pavimento realizaranse nun total de oito camiños en Quintela, O Viso, Reboreda, Cesantes, Redondela, Vilar e Cedeira. A renovación vai permitir o asfaltado de máis de 4.700 metros cadrados de camiños municipais. As obras comezarán e xaneiro, teñen un prazo de execución dun mes e correrán a cargo da empresa Construcciones Caldevergazo adxudicataria das obras por valor de 91.718 euros.
A obra de máis envergadura será a do camiño de Baixada da rúa Campo de Fútbol á rúa Pedro Floriani, en Cesantes, con máis de 1.125 metros cadrados. A superficie de rodaxe desta baixada está moi deteriorada, e os traballos consistirán no reforzo do firme e a pavimentación de toda a superficie. Tamén en Cesantes se vai renovar o camiño Lugar de Vaqueiro, co asfaltado dunha superficie de 220 metros cadrados. Este camiño, con tramos de aglomerado e formigón, está moi deteriorado, polo que se procederá ao seu reforzo e pavimentado cunha capa de asfaltado de 5 centímetros.
Na parroquia de Quintela asfaltarase o camiño Fogueteiro, cunha superficie de máis de 720 metros cadrados. Trátase dun camiño con tramos de aglomerado e formigón que se vai acondicionar cun novo asfaltado coa formación das pendentes axeitadas para a caída das augas pluviais.
No camiño da Carreteira, no Viso, renovarase un tramo de 33 metros de longo que se atopa con fisuras e afundido. Actuarase nunha superficie de 171 metros cadrados, onde se fará un recrecido para nivelar o camiño e posteriormente estenderase unha capa de asfaltado de 5 centímetros.
En Reboreda a actuación centrarase na estrada da Quintana. A mellora do pavimento neste camiño farase nun tramo de 131 metros, que presenta fochancas e fisuras. Os traballos consistirán o reforzo do firme e novo asfaltado nunha superficie de 786 metros cadrados.
No centro urbano de Redondela renovarase o camiño Subida á Estación, tanto o tramo que sube desde a avenida Ernestina Otero, como o que conecta coa N-552. Son en total 162 metros deste camiño os que se van pavimentar, con novo asfaltado nunha superficie de case 900 metros cadrados.
Na parroquia de Vilar as obras de mellora realizaranse nun tramo do camiño do Cusqueiro,
nunha lonxitude de 60 metros que está deteriorada, polo que se procederá ao reforzo do firme co asfaltado dunha superficie de 270 metros cadrados.
E Cedeira renovarase o camiño Coto do Coello en dous tramos que suman unha superficie de 580 metros cadrados. Acondicionarse cun novo asfaltado coa formación das pendentes axeitadas para a caída das augas pluviais.
Roberto Villar sinala que desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade “estase a avanzar na reparación e mellora das estradas e camiños do municipio, e o obxectivo é seguir nesta liña tanto con fondos propios do Concello como doutras administracións”.