“A marea verde. Aproximación á historia da SAR” foi o traballo gañador na categoría de Burras do primeiro certame “Redondela investigada” convocado polos departamentos de Ciencias Sociais e historia dos Institutos públicos do concello. Paula Alonso, Alba Nieto, Elena González e Alvaro Camiña son as catro persoas que se encargaron de elaborar un traballo en torno á historia da SAR que verá a luz nunha próxima publicación por parte do Concello de Redondela.
O traballo arranca lembrando os inicios do club, aló polo ano 1963 cando un grupo de mozos de Redondela decide apostar polos deportes minoritarios, unha iniciativa que fructificará co nacemento da Sociedade Atlética de Redondela, coñecida popularmente como a SAR.
Xente moza que que quería practicar atletismo ou natación e que se uniron para adestrar a reivindicar tamén instalacións que lles permitiran adestrar nesas modalidades.
Para documentarse tiveron que recorrer a diversas fontes: fondos escritos como algún libro que recolle investigacións previas en torno ao club ou arquivos tamén na rede como Anecdotario redondelán. Con todo, a fonte máis importante foron as entrevistas a persoas vinculadas tanto co pasado como co presente da entidade.
Desas conversas saíron anécdotas curiosas como a falta de instalacións deportivas o que lles obrigaba a adestrar en plena rúa “levando as portarías ao lombo” ou a falta de material que as veces subtraían doutros clubs por métodos pouco legais.
Un traballo que entenden é interesante porque “boa arte da historia deportiva do noso concello está vinculada coa Sar” e amósanse satisfeitos co resultado que está previsto forme parte dunha publicación do Concello. Agradecen a todas as persoas que non dubidaron en colaborar para facilitarlles información e achegarlles datos que deron como resultado final que recibisen o primeiro premio do certame Redondela Investigada.
O xurado destacou deste traballo a “súa estrutura, a utilización de diversas fontes históricas coma entrevistas, fondos fotográficos e bibliografía” e salientaron “non só a diversidade senón a forma de integrar a información na redacción do traballo” afirmando que se trata dun “traballo excelente de nivel moi superior ao alumnado de 4º de ESO.