Un mozo veciño de Chapela de 33 anos, H.D.S., foi topado morto na madrugada de onte na autoestrada AP-9, concretamente na saída de Bos Aires. A alerta chegou ao 112 preto das seis da madrugada do día de Nadal cando o 061 informou dun aviso sobre o achádego dun home tendido na estrada. A Garda Civil de tráfico investiga o suceso como un posible atropelo por un vehículo que se deu a fuga, nunha zona na que non está autorizado o acceso a peóns.
Axentes da Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Policía Nacional mobilizáronse nada máis recibir o aviso que alertaba da aparición dun corpo na saída da autoestrada. As cámaras da AP-9 serán determinantes para esclarecer os motivos polos que o mozo se atopaba nunha zona na que non está permitido o acceso a peóns así como tentar dar co posible vehículo que o tería atropelado porque todo apunta a que o mozo foi arrolado por un vehículo que se deu a fuga segundo as declaracións das testemuñas.