Esta moza de 21 anos recibiu o 2º premio no OUFF-Ourense Film Festival xunto a Marcela Villaverde pola curtametraxe “A que garda sempre ten”, unha peza gravada en 48 horas. A decisión do xurado decidiu concederlles o galardón “pola frescura do seu guión, tratado con humor e talento polos seus protagonistas e polo bo traballo de preprodución na variedade de localizacións”. O Concello proxectará a curtametraxe para o alumnado dos institutos.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, recibiron na Casa do Concello á directora e produtora Teresa Soto. A curtametraxe conta a historia de tres mulleres que sofren a perda dunha amiga e para honrar a súa memoria deciden facer realidade a lista de cousas que a falecida tiña pendentes. Trátase de actividades pouco comúns para mulleres maiores, como facer graffitis ou deportes náuticos. A peza é un relato cómico que reflexiona sobre a vida, ao tempo que dá protagonismo a un grupo de mulleres maduras “que non adoita ser o perfil habitual no mundo audiovisual”.
O Concello proxectará a curtametraxe para o alumnado dos institutos, unha actividade que irá acompañada dunha charla-coloquio coa directora e Marcela Villaverde. Rivas sinalou que deste xeito “poñemos en valor o talento da mocidade redondelá, que sen dúbida será unha motivación e inspiración para os rapaces e rapazas dos institutos”. O traballo é ademais “un claro exemplo da gran capacidade e valía das mulleres novas”, como é o caso de Teresa Soto, nun sector masculinizado “onde o talento feminino está a abrirse paso cada vez con máis forza”.
Teresa Soto explicou que grazas ao premio no festival de Ourense puideron mellorar a curta, que levarán a diferentes festivais para facer un circuíto “o máis amplo posible”. Fano dan da nova produtora “Carallada Filmes”. A directora explicou tamén que actualmente está a traballar nunha mini-serie titulada “ A ritmo de golpes” ambientada na movida dos anos 80 en Galicia.