A programación cultural destes últimos días do ano están programadas pensando nos máis cativos da casa. Teatro infantil enmarcado na II edición do ciclo “Queremos galego” con citas en Chapela, Santo Estevo de Negros, o Multiúsos da Xunqueira e Reboreda e festas pre fin de ano na praza da Constitución no casco urbano e na Alameda de Chapela, son as propostas que nos deixa a Concellería de Cultura para esta fin de semana.
A programación arranca hoxe venres no Multiúsos de Chapela co espectáculo musical “A Bailar no Nadal” de Animar-T ás 18.00 horas. Ata a parroquia de San Estevo de Negros chega esta programación o sábado 28 co espectáculo “A xogar cos trasnos do Nadal”, ás 18.00 horas no Centro Cultural da parroquia.
As últimas citas do ano serán no Multiúsos da Xunqueira e en Reboreda. Así o domingo 29 de decembro o auditorio da Xunqueira recibirá á compañía Ártika Cía e o seu teatro musical “Pum, pum, quen hai? Unha comedia familiar recomendada a público infantil a partir dos catro anos que se poderá ver ás 18.00 horas.
Barafunda teatro actuará no Centro Cultural de Reboreda o luns 30 ás 18:00 horas co espectáculo «Os Ourizos, o musical», unha obra de teatro musical de monicreques dirixida a un público familiar e infantil na que se abordan temas de inclusión, integración, amizade e compañerismo, todo isto envolto en referencias á cultura galega, aos seus paisaxes e ao ecoloxismo. A música, composta especialmente para o espectáculo, inclúe temas de rock, pop e rap, achegando así á rapazada diferentes xéneros musicais. Unha historia que fala de como a amizade pode axudar a superar os obstáculos da vida.
Festas infantís pre fin de ano o día 31
A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o día 31 de decembro, dunha Festa Infantil con Paco Nogueiras. O creador de espectáculos como “Brinca Vai”, ou “Radio Bule Bule” estará en Redondela co seu último traballo “Son Animal” para despedir o ano com moito ritmo. Será ás 11.30 e en caso de choiva a festa desprazarase ao Multiúsos da Xunqueira.
Tamén en Chapela a cita será o día 31 pero ás 12:00 horas. Neste caso a festa Pre Fin de Ano infantil será na Alameda Rosalía de Castro. A Disco Móbil de Nadal porá a bailar a todos con divertidos xogos musicais. En caso de choiva a actividade realizarase no Multiúsos de Chapela.